Código Deontolóxico

Artigo 1º

Este CÓDIGO DEONTOLÓXICO da profesión de Psicoloxía está destinado a servir como regra de conduta profesional, no exercicio da psicoloxía en calquera das súas modalidades. O Colexio Oficial de Psicólogos faino seu e de acordo coas súas normas xulgará o exercicio da profesión dos colexiados

Artigo 2º

A actividade do psicólogo réxese, ante todo, polos principios de convivencia e legalidade democraticamente establecidos no Estado Español.

Artigo 3º

No exercicio da súa profesión o psicólogo e a psicóloga terán en conta as normas explícitas e implícitas, que rexen no ámbito social en que actúa, considerándoas como elementos da situación e valorando as consecuencias que a conformidade ou desviación respecto a elas poidan ter no seu quefacer profesional.

Artigo 4º

O psicólogo ou psicóloga rexeitará todo tipo de impedimentos ou trabas á súa independencia profesional e ó lexítimo exercicio da súa profesión, dentro do marco de dereitos e deberes que traza o presente Código.

Artigo 5º

O exercicio da Psicoloxía ordénase a unha finalidade humana e social, que pode expresarse en obxectivos como: o benestar, a saúde, a calidade de vida, a plenitude do desenvolvemento das persoas e dos grupos, nos distintos ámbitos da vida individual e social. Xa que o/a Psicólogo/a non é o único profesional que persegue estes obxectivos humanitarios e sociais, convén e necesítase nalgúns casos a colaboración interdisciplinaria con outros profesionais, sen prexuízo das competencias e saber de cada un deles.

Artigo 6º

A profesión de Psicólogo/a réxese por principios comúns a toda deontoloxía profesional: respecto pola persoa, protección dos dereitos humanos, sentido de responsabilidade, honestidade, sinceridade para cos clientes, prudencia na aplicación de instrumentos e técnicas, competencia profesional, solidez da fundamentación obxectiva e científica das súas intervencións profesionais.

Artigo 7º

O Psicólogo/a non realizará por si mesmo, como tampouco contribuirá a prácticas que atenten á liberdade e integridade física e psíquica das persoas. A intervención directa ou a cooperación na tortura e malos tratos, ademais de delito, constitúe a máis grave violación da ética profesional dos/as Psicólogos/as. Estes non participarán en modo ningún, tampouco como investigadores, como asesores ou como encubridores, na práctica da tortura, nin noutros procedementos crueis, inhumanos ou degradantes calquera que sexan as persoas vítimas dos mesmos, as acusacións, delitos, sospeitas de que sexan obxecto, ou as informacións que se queira obter delas, e a situación de conflito armado, guerra civil, revolución, terrorismo ou calquera outra, pola que pretendan xustificarse tales procedementos.

Artigo 8º

Todo/a Psicólogo/a debe informar, cando menos ós organismos colexiais, acerca de violacións dos dereitos humanos, malos tratos ou condicións de reclusión crueis, inhumanas ou degradantes de que sexa vítima calquera persoa e dos que tivera coñecemento no exercicio da súa profesión.

Artigo 9º

O/a psicólogo/a respectará os criterios morais e relixiosos dos seus clientes, sen que isto imposibilite o seu cuestionamento cando sexa necesario no decurso da intervención.

Artigo 10º

Na prestación dos seus servizos, o/a psicólogo/a non fará ningunha discriminación de persoas por razón de nacemento, idade, raza, sexo, credo, ideoloxía, nacionalidade, clase social, ou calquera outra diferenza.

Artigo 11º

O/a Psicólogo/a non aproveitará, para lucro ou beneficio propio ou de terceiros, a situación de poder ou superioridade que o exercicio da profesión poida conferirlle sobre os clientes.

Artigo 12º

Especialmente nos seus informes escritos, o/a psicólogo/a será sumamente cauto, prudente é crítico, diante de nocións que facilmente dexeneran en etiquetas devalorizadoras e discriminatorias, do xénero de normal/anormal, adaptado/inadaptado, ou intelixente/deficiente.

Artigo 13º

Nunca o/a Psicólogo/a realizará manobras de captación encamiñadas a que lle sexan confiados os casos de determinadas persoas, nin tampouco procederá en actuacións que aseguren practicamente o seu monopolio profesional nunha área determinada. O/a Psicólogo/a nunha institución pública non aproveitará esta situación para derivar casos a súa propia práctica privada.

Artigo 14º

O/a Psicólogo/a non prestará o seu nome nin a súa sinatura a persoas que ilexitimamente, sen a titulación e preparación necesarias, realizan actos de exercicio da Psicoloxía, e denunciará os casos de intrusismo que cheguen ó seu coñecemento. Tampouco encubrirá coa súa titulación actividades vas ou enganosas.

Artigo 15º

Cando se ache diante de intereses persoais ou institucionais contrapostos, procurará o/a Psicólogo/a realiza-la súa actividade con máxima imparcialidade. A prestación de servizos nunha institución non exime da consideración, respecto e atención ás persoas que poidan entrar en conflito coa institución mesma e das cales o/a Psicólogo/a, naquelas ocasións en que lexitimamente proceda, haberá de facerse valedor ante as autoridades institucionais.

Artigo 16º

Os deberes e dereitos da profesión de Psicólogo constitúense a partir dun principio de independencia e autonomía profesional, calquera que sexa a posición xerárquica que nunha determinada organización ocupe respecto a outros profesionais e autoridades superiores.

Artigo 17º

A autoridade profesional do Psicólogo/a fundaméntase na súa capacitación e cualificación para as tarefas que desempeña. O/a Psicólogo/a ha de estar profesionalmente preparado e especializado na utilización de métodos, instrumentos, técnicas e procedementos que adopte no seu traballo. Forma parte do seu traballo o esforzo continuado de actualización da súa competencia profesional. Debe recoñece-los límites da súa competencia e as limitacións das súas técnicas. 

Artigo 18º

Sen prexuízo da lexítima diversidade de teorías, escolas e métodos, o/a Psicólogo/a non utilizará medios ou procedementos que non se achen suficientemente contrastados, dentro dos límites do coñecemento científico vixente. No caso de investigacións para por a proba técnicas ou instrumentos novos, aínda non contrastados, farao saber así ós seus clientes antes da súa utilización. 

Artigo 19º

Todo tipo de material estritamente psicolóxico, tanto de avaliación canto de intervención ou tratamento, queda reservado ó uso dos/as Psicólogos/as, quen por outra parte se absterán de facilitalos a outras persoas non competentes. Os/as Psicólogos/as xestionarán ou no seu caso garantirán a debida custodia dos documentos psicolóxicos.

Artigo 20º

Cando unha determinada avaliación ou intervención psicolóxica envolva estreitas relacións con outras áreas disciplinares e competencias profesionais, o/a Psicólogo/a tratará de asegura-las correspondentes conexións, ben por si mesmo, ben indicándollo e orientando nese sentido ó cliente.

Artigo 21º

O exercicio da psicoloxía non debe ser mesturado, nin na práctica, nin na súa presentación pública, con outros procedementos e prácticas alleos ó fundamento científico da psicoloxía, cando tal prohibición estea prevista legalmente.

Artigo 22º

Sen prexuízo da crítica científica que estime oportuna, no exercicio da profesión, o/a Psicólogo/a non desacreditará colegas ou outros profesionais que traballan cos seus mesmos ou diferentes métodos; e falará con respecto das escolas e tipos de intervención que gozan de credibilidade científica e profesional.

Artigo 23º

O exercicio da Psicoloxía baséase no dereito e no deber dun respecto recíproco entre o/a Psicólogo/a e outras profesións, especialmente as daqueles que están máis próximos nas súas diferentes áreas de actividade.

Artigo 24º

O/a Psicólogo/a debe rexeitar levar a cabo a prestación dos seus servicios cando exista certeza de que poidan ser mal utilizados ou utilizados en contra dos lexítimos intereses das persoas, os grupos, as institucións e as comunidades.

Artigo 25º

Cando se faga cargo dunha intervención sobre persoas, grupos, institucións ou comunidades, o/a Psicólogo/a ofrecerá a información adecuada sobre as características  esenciais da relación establecida, os problemas que está abordando, os obxectivos que se propón e o método utilizado. No caso de menores de idade ou legalmente incapacitados, farase saber ós seus pais ou titores.

En calquera caso, evitarase a manipulación das persoas e tenderase cara á consecución do seu desenvolvemento e autonomía.

Artigo 26º

O/a Psicólogo/a debe dar por rematada a súa intervención e non alongala con ocultación ou engano tanto se se lograron os obxectivos propostos, como se despois dun tempo razoable aparece que, cos medios ou recursos á súa disposición, é incapaz de logralos. Neste caso indicará á persoa, grupo, institución ou comunidade que outros psicólogos ou profesionais poden facerse cargo da intervención.

Artigo 27º

Por ningunha razón se restrinxirá a liberdade de abandona-la intervención e acudir a outro psicólogo ou profesional; antes ben, favorecerase ó máximo a capacidade de decisión ben informada do cliente. O/a Psicólogo/a pode negarse a simultanear a súa intervención con outra diferente realizada por outro profesional.

Artigo 28º

O/a psicólogo/a non aproveitará a situación de poder que poida proporcionarlle o seu status para reclamar condicións especiais de traballo ou remuneracións superiores ás alcanzables en circunstancias normais.

Artigo 29º

Do mesmo xeito non se prestará a situacións confusas nas que o seu papel e función sexan equívocos ou ambiguos.

Artigo 30º

O/a Psicólogo/a non se inmiscuirá nas diversas intervencións iniciadas por outros psicólogos.

Artigo 31º

Nos casos en que os servizos do psicólogo sexan requiridos para asesorar e/ou efectuar campañas de publicidade comercial, política e similares, o/a Psicólogo/a colaborará en salvagarda da veracidade dos contidos e do respecto ás persoas.

Artigo 32º

O/a Psicólogo/a debe ter especial coidado en non crear falsas expectativas que despois sexa incapaz de satisfacer profesionalmente.

Artigo 33º

Todo/a Psicólogo/a, no exercicio da súa profesión, procurará contribuír ó progreso da ciencia e da profesión psicolóxica, investigando na súa disciplina, aténdose ás regras e esixencias do traballo científico e comunicando o seu saber a estudantes e outros profesionais segundo os usos científicos e/ou a través da docencia

Artigo 34º

Na investigación recusará o/a Psicólogo/a absolutamente ocasionar na persoa danos permanentes, irreversibles ou innecesarios para a evitación doutros maiores. A participación en calquera investigación deberá ser autorizada  explicitamente pola/s persoa/s que esta se realiza, ou ben polos seus pais ou titores no caso de menores ou incapacitados.

Artigo 35º

Cando a investigación psicolóxica requira algún tipo de danos pasaxeiros e molestias, como choques eléctricos ou privación sensorial, o investigador, ante todo, asegurarase de que os suxeitos participan nas sesións experimentais con verdadeira liberdade, sen constricións alleas de ningún tipo, e non os aceptará senón despois de informalos puntualmente sobre eses danos  e obte-lo seu conseguinte consentimento. Aínda tendo inicialmente consentido, o suxeito poderá en calquera momento decidir interrompe-la súa participación no experimento.

Artigo 36º

Cando a investigación requira do recurso á decepción ou ó engano, o/a Psicólogo/a asegurarase de que este non vai producir prexuízos duradeiros en ningún dos suxeitos, e, en todo caso, revelará a estes na natureza e necesidade experimental de engano ó concluí-la sesión ou a investigación.

Artigo 37º

A investigación psicolóxica, xa experimental, xa observacional, en situacións naturais, farase sempre con respecto á dignidade das persoas, ás súas crenzas, á súa intimidade, ó seu pudor, con especial delicadeza en áreas como o comportamento sexual, que a maioría dos individuos reserva para a súa privacidade, e tamén en situacións -de anciáns, accidentados, enfermos, presos, etc.- que, ademais de certa impotencia social conlevan un serio drama humano que é preciso respectar tanto como investigar.

Artigo 38º

A experimentación con animais evitará tamén, ou reducirá ó mínimo, os sufrimentos, danos e molestias que non sexan imprescindibles e xustificables en atención a fins de recoñecido valor científico e humano. As operacións cirúrxicas sobre animais efectuaranse con anestesia e adoptaranse medidas apropiadas para evita-las  posibles complicacións. O persoal directamente implicado na investigación con animais seguirá na súa práctica  os procedementos de aloxamento, manexo experimental e eliminación eutanásica dos animais, que se recollen na Guía para a conducta ética no coidado e utilización de animais editada polo Colexio Oficial de Psicólogos e que se atén ás normas internacionais.

Artigo 39º

No exercicio da súa profesión, o/a Psicólogo/a mostrará un respecto escrupuloso do dereito á propia intimidade do seu cliente. Unicamente procurará a información estritamente necesaria para o desempeño das tarefas para as que foi requirido, e sempre coa autorización do cliente.

Artigo 40º

Toda a información que o/a Psicólogo/a recolle no exercicio da súa profesión, sexa en manifestacións verbais expresas dos seus clientes, sexa en datos psicotécnicos ou noutras observacións profesionais practicadas, está suxeita a un deber e a un dereito de segredo profesional, do que só podería ser eximido polo consentimento expreso do cliente. O/a Psicólogo/a velará porque os seus eventuais colaboradores se ateñan a este segredo profesional.

Artigo 41º

Cando a avaliación ou intervención psicolóxica se produce a petición do propio suxeito de quen o/a Psicólogo/a obtén información, esta só pode comunicarse a terceiras persoas con expresa autorización previa do interesado e dentro dos límites desa autorización.

Artigo 42º

Cando a dita avaliación ou intervención a solicitou outra persoa -xuíces, profesionais do ensino, pais, empregadores, ou calquera outro solicitante diferente do suxeito avaliado-, este último ou os seus pais ou titores terán dereito a ser informados do feito da avaliación ou intervención e do destinatario do Informe Psicolóxico conseguinte. O suxeito dun Informe Psicolóxico ten dereito a coñece-lo contido do mesmo, sempre que disto non se derive un grave prexuízo para o suxeito ou para o/a Psicólogo/a, e aínda que a solicitude da súa realización a fixesen outras persoas.

Artigo 43º

Os informes psicolóxicos realizados a petición de institucións ou organizacións en xeral, á parte do indicado no artigo anterior, estarán sometidos ó mesmo deber e dereito xeral de confidencialidade antes establecido, quedando tanto o/a Psicólogo/a como a correspondente instancia solicitante obrigados a non darlles difusión fóra do estrito marco para o que foron requiridos.

As enumeracións ou listas de suxeitos avaliados nos que deban consta-los diagnósticos ou datos da avaliación  e que se lles requiran ó psicólogo por outras instancias, a efectos de planificación, obtención de recursos ou outros, deberán realizarse omitindo o nome e datos de identificación do suxeito, sempre que non sexan estritamente necesarios.

Artigo 44º

Da información profesionalmente adquirida non debe nunca o/a Psicólogo/a servirse nin en beneficio propio ou de terceiros, nin en prexuízo do interesado.

Artigo 45º

A exposición oral, impresa, audiovisual ou outra, de casos clínicos ou ilustrativos con fins didácticos ou de comunicación e divulgación científica, debe facerse de modo que non sexa posible a identificación da persoa, grupo ou institución de que se trata.

No caso de que o medio usado para tales exposicións conleve a posibilidade de identificación do suxeito, será necesario o seu consentimento previo explícito.

Artigo 46º

Os rexistros escritos e electrónicos de datos psicolóxicos, entrevistas e resultados de probas, se son conservados durante certo tempo, serano baixo a responsabilidade persoal do psicólogo en condicións de seguridade e segredo que impidan o acceso a eles de persoas alleas.

Artigo 47º

Para a presenza, manifesta ou reservada de terceiras persoas, innecesarias para o acto profesional, tales como alumnos en prácticas ou profesionais en formación, requírese o previo consentimento do cliente.

Artigo 48º

Os informes psicolóxicos haberán de ser claros, precisos, rigorosos e intelixibles para o seu destinatario. Deberán expresa-lo seu alcance e limitación, o grao de certeza que sobre os seus varios contidos teña o informante, o seu carácter actual ou temporal, as técnicas utilizadas para a súa elaboración, facendo constar en todo caso os datos do profesional que o emite.

Artigo 49º

O falecemento do cliente, ou a súa desaparición -no caso de institucións públicas, ou privadas- non libera ó Psicólogo da obriga do segredo profesional.

Artigo 50º

Os/As profesionais colexiados/as haberán axustar a súa conduta en materia de comunicacións comerciais ao disposto na Lei, coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión, así como, no seu caso, o segredo profesional.

 

Artigo 51º

Sen prexuízo de responsabilidade penal que poida supor, constitúe unha grave violación da deontoloxía profesional atribuírse en calquera medio -anuncios, placas, tarxetas de visita, programas, etc.- unha titulación que non se posúe, así como tamén utilizar denominacións e títulos ambiguos, que, aínda sen falar de modo literal á verdade, poden facilmente inducir a erro ou a confusión, e igualmente favorece-la credulidade do público a propósito de técnicas ou procedementos de dubidosa eficacia.

Artigo 52º

Como tal Psicólogo/a, en cambio, pode tomar parte en campañas de asesoramento e información á poboación con fins culturais, educativos, sanitarios, laborais ou outros de recoñecido sentido social.

Artigo 53º

O/a Psicólogo/a que utilice pseudónimo na súa actividade profesional deberá declaralo ó Colexio Oficial de Psicólogos para o seu correspondente rexistro.

Artigo 54º

Os criterios orientativos en materia de honorarios e remuneración solo poden referirse aos supostos de tasación de costas.

Artigo 55º

No exercicio libre da profesión o/a Psicólogo/a informará previamente ó cliente sobre á contía dos honorarios polos seus actos profesionais.

Artigo 56º

O/a Psicólogo/a, en ningún caso, percibirá remuneración ningunha relacionada coa derivación de clientes a outros profesionais.

Artigo 57º

A Comisión de Ética e Deontoloxía creada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, velará pola interpretación e aplicación deste Código. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asegurará a difusión deste Código entre todos/as os/as profesionais e o conxunto de institucións sociais. Procurarán, así mesmo, que os principios aquí expostos sexan obxecto de estudio por todos/as os/as estudantes de Psicoloxía nas Universidades.

Artigo 58º

As infraccións das normas do Código Deontolóxico do exercicio da Psicoloxía deberán ser denunciadas ante a Comisión de Ética e Deontoloxía. O expediente deberá tramitarse baixo os principios de audiencia, contradición e reserva, concluíndo cunha proposta de resolución da Comisión. A Xunta de Goberno, escoitado o interesado, adoptará a resolución procedente, acordando o sobresemento ou a imposición da sanción disciplinaria que estatutariamente corresponda.

Artigo 59º

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, garante a defensa daqueles colexiados/as que se vexan atacados ou ameazados polo exercicio de actos profesionais, lexitimamente realizados dentro do marco de dereitos e deberes do presente Código, defendendo en particular o segredo profesional e a dignidade e independencia do/a Psicólogo/a.

Artigo 60º

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia tratará de que as normas deste Código Deontolóxico, que representan un compromiso forma das institucións colexiais e da profesión diante da sociedade española, na medida en que a sociedade mesma as valore como esenciais para o exercicio dunha profesión de alto significado humano e social, pasen a formar parte do ordenamento xurídico garantido polos Poderes públicos.

Artigo 61º

Cando un Psicólogo/a se vexa no conflito de normas adversas, incompatibles, xa legais, xa deste Código Deontolóxico, que entran en colisión para un caso concreto, resolverá en conciencia, informando ás partes interesadas e a Comisión de Ética e Deontoloxía Colexial.