AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

Declaración Institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

24/11/2017

Neste 25 de novembro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia manifesta o seu total rexeitamento a calquera forma de violencia física, psicolóxica ou sexual, exercida contra a muller, ao mesmo tempo que desexa trasladar toda a súa solidariedade e apoio ás familias e persoas próximas ás vítimas desta terrible lacra que custou a vida a 44 mulleres este ano, ademais de tres casos máis en investigación.

Conmociónanos coñecer que un neno de 3 anos presenciase o asasinato da súa nai a balazos perpetrado polo seu propio pai ás portas do seu colexio, pero máis alá dese primeiro e brutal impacto, o caso dilúese no tempo e queda oculto tras a frialdade dunhas estatísticas, ese reconto anestesiante da peor consecuencia dunha sociedade aínda machista.

Por iso, nesta data en que repudiamos a execrable violencia contra a muller, debemos abrir a nosa mirada para comprobar que a pegada da violencia de xénero é moito máis extensa. O máis dramático dos exemplos son os oito nenos e nenas que foron asasinados e asasinadas como consecuencia da violencia machista, como forma de inflixir o maior dano posible ás súas nais. É o noso maior fracaso como sociedade.

Ademais, vinte e tres nenos e nenas quedaron orfos ao ser as súas nais vítimas dun crime mortal a mans da súa parella ou ex parella. Pero día a día, de forma máis ou menos invisible, miles de nenos e nenas medran en contornas de violencia, de abuso de malos tratos, en situacións en que a súa propia integridade corre perigo. Como profesionais da psicoloxía somos coñecedores dos riscos e as secuelas que entraña crecer nun fogar no que se exerce a violencia machista. Falamos de ansiedade, depresión, patoloxías físicas e mentais, trastornos alimentarios, tensión postraumática, dificultades no vínculo de apego, e tamén da predisposición para sufrir ou a exercer violencia na adolescencia e na idade adulta.

Non poderemos presentarnos como unha sociedade plenamente desenvolvida mentres mulleres e tamén nenos e nenas, son asasinados polo lastre da desigualdade de xénero. De nada serven minutos de silencio e consternación se non se toman medidas decididas e integrais para atallala.

O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero é unha boa noticia: é asumir que se trata dun problema de gran magnitude que transcende as cores políticas. Pero non pode quedar nun mero xesto simbólico e, lamentablemente, non contamos con garantías nin prazos para a súa aplicación: ningunha das medidas conta con data de execución nin orzamento asignado. Como profesionais da psicoloxía demandamos un compromiso real, que aborde a violencia de xénero de forma integral, con políticas preventivas e de intervención psicolóxica desde as máis temperás idades, para poder erradicar as desigualdades sobre as que se asenta a violencia machista. 

 25 de novembro de 2017