“Unha ollada á Violencia Obstétrica: vivencia e resiliencia”

12/11/2020

Desde o Grupo de Traballo de Psicoloxía Perinatal da Sección de Psicoloxía e Saúde, en colaboración coa Comisión Intersectorial de Xénero do COPG, poñen en marcha a acción "Unha ollada á violencia obstétrica: vivencia e resiliencia", coa que pretende darse visibilidade á violencia obstétrica coma unha violencia contra as mulleres.

Mediante esta actividade, queremos recoller testemuñas de mulleres que no eido privado ou profesional vivenciaron este tipo de violencia (no embarazo, parto e postparto) para con este material (a través do formato vídeo, escrito e con imaxes) crear unha acción que poidamos compartir nas nosas redes sociais e cunha exposición no propio COPG. 

A proposta non soamente quere dar visibilidade á realidade da existencia e vivencia da violencia obstétrica (a través de protocolos, prácticas e sesgo de xénero), senón tamén poñer o foco nos factores de resiliencia que se poden dar tras estas vivencias.
 
Para isto, podes enviarnos o testemuño que desexes compartir por correo electrónico (texto, ilustración, fotografía, vídeo...) a copgalicia@copgalicia.gal, despois de cubrir os teus datos neste formulario. Algunhas ideas: 
  • Recollida de testemuñas de maneira escrita, como frases clave que puideron oír durante a xestación, parto ou postparto.
  • Fotografías de mulleres (das cicatrices, rostros...).
  • Vídeos de duración máxima de 1 minuto, con testemuñas de mulleres ou de profesionais. 
  • Ilustracións.