Convenio para implantación dun protocolo municipal de actuación para a prevención de desafiuzamentos en Compostela

17/10/2016

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela veñen de asinar un convenio para colaborar na implantación dun protocolo municipal de actuación para a prevención de desafiuzamentos e a atención das persoas afectadas polos mesmos. Trátase dun programa piloto multidisciplinar no que participarán, ademais de profesionais da avogacía, psicólogas e psicólogos do ámbito da intervención social e comunitaria.

A actuación desenvolverase desde finais de outubro a decembro deste ano, de acordo coas necesidades do programa.

O colexiado ou colexiada que se designe para intervir neste período será quen acredite un maior período de experiencia laboral (contrato, vida laboral) no ámbito da psicoloxía da intervención social e comunitaria. A incorporación ao programa será inmediata.

As persoas interesadas deberán presentar a documentación (orixinal ou copia cotexada) no rexistro do COPG ata o 20 de outubro, este día incluído.