DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

24/11/2020

Ao longo das dúas décadas en que onmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller desde que foi aprobado pola Organización das Nacións Unidas en 1999, xamais viviramos unha crise global do alcance da que estamos a experimentar pola pandemia da COVID-19, que impregnou todos os asuntos da nosa sociedade, incluído o da violencia contra as mulleres.

As fendas de xénero afondaron ostensiblemente ao longo destes meses, e continúan profundando máis aínda, sen que teñamos un horizonte inmediato no que sexa previsible que se reverta a situación. É imprescindible que apliquemos un enfoque de xénero á hora de analizar o novo contexto que trazou o coronavirus, porque desde logo, as mulleres son protagonistas nesta escena e están a sufrir sensiblemente as súas consecuencias. A maioría das persoas que exercen no ámbito sanitario son mulleres; as limitacións e as restricións trouxeron unha grave crise nos coidados que recaeu novamente sobre os ombreiros das mulleres; e o risco de sufrir violencia de xénero incrementouse de maneira notoria.

De feito, os servizos públicos que atenden ás vítimas da violencia machista experimentaron un notable incremento na demanda desde o mes de marzo, en comparación cos mesmos períodos de 2019. O confinamento e as restricións posteriores crean as condicións idóneas para aumentar os conflitos, sumado ás tensións por motivos económicos, laborais, de saúde, etc.

O tempo de convivencia entre a vítima ou vítimas e o seu agresor aumentou, con situacións de especial intensidade como o total confinamento ou os períodos de corentena. Así mesmo, as rutinas diarias alteráronse e facilita que aumenten os conflitos cotiáns. Unha "treboada perfecta" da que advertiu a ONU, que instou os gobernos a incluír a prevención e a reparación dos casos de violencia de xénero contra as mulleres nos seus plans nacionais contra a COVID-19.

Plans e estratexias que deben contar cunha adecuada atención psicolóxica, a principal necesidade identificada polas vítimas, segundo recolle a Macroenquisa de Violencia contra a Muller, realizada polo Ministerio de Igualdade e publicada este ano. A pandemia puxo a proba a capacidade dos servizos públicos para prestar atención ás vítimas, polo que é imprescindible que a accesibilidade aos servizos de psicoloxía estea garantida.

Así mesmo, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia consideramos determinante que as distintas administracións públicas realicen unha avaliación do impacto de xénero que ten e terá esta pandemia; un diagnóstico que debe incorporar a óptica da ciencia psicolóxica, imprescindible tanto no ámbito da prevención como no da planificación da resposta.

Ao mesmo tempo, desexamos trasladar o noso apoio, afecto e solidariedade ás familias e seres queridos das vítimas de violencia de xénero, xa que neste ano foron asasinadas polo menos 41 mulleres e 3 menores; crimes que teñen por consecuencia, ademais, a 23 nenos, nenas e adolescentes en situación de orfandade.

 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020