DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

25/11/2024

O 25 de novembro, conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e reafirmamos, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o noso compromiso e responsabilidade na loita contra a violencia de xénero. Desde os diversos espazos profesionais que ocupamos, coñecemos de preto as profundas feridas que esta violencia xera nas mulleres, familias e comunidades, e comprendemos o impacto que ten no desenvolvemento dunha sociedade equitativa e libre de calquera forma de abuso.

A conmemoración deste día é crucial para visibilizar as diversas formas de violencia que afectan a mulleres de todas as idades e contextos, e para lembrarnos a urxencia de construír unha sociedade que non só rexeite a violencia de xénero, senón que traballe activamente na súa prevención e no apoio integral a aquelas que a sofren.

A violencia de xénero, en calquera das súas formas, vulnera a integridade e a saúde mental das vítimas, e afecta á nosa sociedade. Por elo, desde a Psicoloxía, como ciencia e profesión, aportamos coñecementos, programas de intervención e recursos que permiten previr, identificar e atender ás persoas, incidindo tamén na sociedade no seu conxunto. A través da educación, a formación e a sensibilización, debemos incidir na difusión de coñecementos e na creación de conciencia sobre a violencia de xénero. Este labor require unha visión integral e coordinada coa sociedade e as súas institucións, avogando por políticas e programas que protexan ás mulleres e eduquen ás xeneracións presentes e futuras.

Neste contexto de traballo constante, hoxe queremos enfatizar un dos desafíos contemporáneos da violencia de xénero que afecta particularmente á xuventude: a crecente exposición e consumo de pornografía desde idades moi temperás e o seu impacto no desenvolvemento de actitudes e condutas violentas cara ás mulleres. Conscientes de que esta problemática se inserta nun contexto de cambios tecnolóxicos e sociais profundos, creemos que é urxente responder desde a nosa disciplina e desde a colaboración interinstitucional para mitigar as consecuencias destas dinámicas.

O acceso temperá e sen filtro a contido pornográfico en liña pode moldear as percepcións e expectativas dos e das mozas sobre as relacións afectivas e sexuais, o consentimento e o respecto, expoñéndolles a representacións cosificadoras que poden normalizar prácticas abusivas e violentas. Como psicólogos e psicólogas, recoñecemos que estas experiencias de consumo temperá impactan no desenvolvemento dunha sexualidade saudable, xerando posibles distorsións que afectan o benestar emocional, social e psicolóxico dos e das mozas.

Neste sentido, propoñemos unha acción conxunta que articule educación en sexualidade que ensine respecto, comunicación e consentimento, modelos de relación saudable, espazos de diálogo entre mozos e familias e programas de prevención e apoio psicolóxico especializados. Ademais, alentamos ás autoridades a inverter en investigación e políticas públicas que aborden estes retos, comprendendo e respondendo á realidade dos e das mozas. Só así poderemos avanzar cara a unha sociedade libre de violencia e comprometida co respecto e a igualdade.
 
 

Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

 

25 de novembro de 2024