DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

10/12/2024

 

Con motivo da Conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos este 10 de decembro, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra que a atención á saúde mental, desde o ámbito preventivo á intervención, é imprescindible para garantir a defensa da persoa e dos seus dereitos.

O COPG, que representa a case 4.000 psicólogos e psicólogas en Galicia, evidencia nesta data a íntima relación da saúde mental cos dereitos humanos. Nos últimos anos estamos a experimentar un importante cambio respecto á percepción que a poboación ten da saúde mental e da importancia nas nosas vidas. En relativamente pouco tempo esta cuestión pasou de ser un tema tabú a poder falarse con certa normalidade nalgúns ámbitos.

Así, xa non é estraño escoitar en conversas a pé de rúa referencias a termos relacionados á saúde mental, á necesidade de coidala e mesmo á posibilidade de acudir a un profesional da psicoloxía cando alguén se ve momentaneamente superado polas circunstancias. Unha conversa que se traslada tamén á participación de psicólogos e psicólogas como fontes expertas neste tipo de temáticas cada vez máis presentes nos medios de comunicación.

Temas como a depresión, a ansiedade, o manexo do estrés e mesmo outros máis sensibles como poden ser os trastornos de alimentación ou o suicidio xa teñen un lugar no discurso colectivo. Parece que xa son problemáticas das que se pode falar e ante as que se demanda ás institucións a adopción e a promoción das correspondentes medidas e recursos para reducir as súas consecuencias e os sufrimento das persoas que as padecen e do seu entorno. Tanto é así que o propio Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) incluíu este ano por primeira vez no Barómetro Sanitario un apartado de saúde mental.

Por outra parte tamén parece que é menos difícil acudir a un profesional da psicoloxía cando un presenta un problema de saúde mental ou un importante malestar emocional; ou cando menos solicitalo, xa que unhas desmedidas listas de espera e a conseguinte baixa accesibilidade no sistema público á atención psicolóxica continúan a ser, dende hai demasiado tempo, a regra xeral.

E se ben constatamos ese cambio social na consideración da saúde mental e da psicoloxía, o que quizais non estea tan presente no imaxinario colectivo é a pregunta polas causas. Ante a urxencia miramos cara ao inmediato. Hai que facer un exercicio de reflexión serio e pausado (a ser posible, colectivo) para ir máis alá e afondar no que xera e mantén os nosos malestares, individuais e comunitarios.

Podemos atopar e, de feito, atopamos diferentes hipóteses explicativas aos malestares psicolóxicos. E aínda que posiblemente moitas delas sexan compatibles, os tempos e as correntes dominantes poñen o acento nalgúns aspectos (por exemplo, xenéticos ou de comprensión individualista) non necesariamente máis determinantes que outros que supoñen un marco máis amplo e sobre o que hai máis posibilidade de transformación: a percepción, a aprendizaxe, os recursos e o tecido social, a comunidade… ou mesmo os dereitos humanos.

Porque aínda que se fala máis de saúde mental, case nada se di sobre o seu vínculo cos dereitos humanos. E no Día Mundial dos Dereitos Humanos cómpre poñer a ollada sobre esta cuestión.

“Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente uns cos outros” (artigo 1).

Os dereitos humanos son consubstanciais á persoa, teñen un carácter universal, e son inalienables e irrenunciables. Calquera vulneración dos dereitos humanos supón un atentado contra a persoa ou o grupo que a sufre e constitúese como unha ameaza contra a existencia e, polo tanto, tamén contra a súa saúde mental.

É sinxelo que este tipo de temas os asociemos a situacións de extremas gravidade e necesidade como os conflitos bélicos (Gaza ou Ucraína, pero tamén os menos coñecidos de Sudán ou Haití, por poñer algún exemplo) ou incluso emerxencias como a recentemente ocorrida na Comunidade Valenciana. Podemos (e debemos) pensar tamén en dinámicas de violencia estrutural en países nos que as ditaduras impiden o exercicio da liberdade en todas as súas formas; en réximes ou ideoloxías que perseguen ou marxinan as mulleres simplemente polo feito de selo; en países nos que a fame acaba coa saúde e coa vida de miles de persoas; e en moitas outras descarnadas realidades que as máis das veces nin sequera enxergamos desde o noso primeiro mundo.

Desde logo que estes son escenarios nos que existen importantes ameazas para a saúde mental, para a dignidade e incluso para a vida mesma. Pero non debemos obviar que os dereitos humanos están a vulnerarse en todas as partes da xeografía; tamén no noso país. Porque aínda que unha característica intrínseca de todos os suxeitos é a vulnerabilidade, obviamente non todos estamos nas mesmas condicións de fraxilidade nin todos somos igualmente vulnerados.

Hai colectivos que por razóns constitutivas, históricas, sociais, relacionadas coa diversidade ou simplemente por unha cuestión da casualidade se atopan nunha clara situación de desprotección que pode dar lugar a unha situación de insalvable desigualdade social.

E a estes debemos prestar unha maior atención e dedicación no que ao respecto aos seus dereitos se refire. Pensamos na infancia, nas persoas maiores, nas paradas, nas mulleres que son maltratadas a diario, na inmigración que se atopa sen rede, e en tantos outros colectivos marxinados (que non necesariamente marxinais).

A pobreza, a inequidade no acceso a oportunidades educativas ou ao sistema sanitario, a inaccesibilidade ao mundo laboral, as situacións que implican a restrición das liberdades individuais… e, en definitiva, a ausencia das mínimas condicións materiais de existencia que deberan garantir unha vida digna, dan lugar a unha situación de desequilibrio que pode chegar a ser dificilmente salvable dende o individual e que impiden o desenvolvemento da persoa conforme aos seus propios desexos e valores.

A garantía dos dereitos fundamentais é unha condición básica e inapelable para a dignidade. E dificilmente podemos falar de saúde mental se non contamos co mínimo necesario para asegurar dita existencia.

Debe ser esta unha tarefa do común, do comunitario. Porque, ademais, toda vulneración dos dereitos humanos pon en grave risco a saúde mental de individuos e comunidades. As violacións ou, simplemente, a ausencia destes dereitos fundamentais socavan non só a dignidade dos máis directamente afectados, senón que tamén ameazan á propia sociedade que as perpetra ou as acepta caladamente. Unha comunidade que non vela e defende os dereitos dos seus membros máis vulnerables está profundamente ameazada nos seus alicerces.

O Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, sinalou os dereitos humanos como a “base de sociedades pacíficas, xustas e inclusivas”. Temos o convencemento de que son tamén a base necesaria para ter cidadáns e comunidades de pleno dereito, e cunha axeitada saúde física, social e, desde logo, mental.

Desde o Colexio de Psicoloxía de Galicia temos unha fonda preocupación pola saúde mental da poboación e vimos traballando desde os nosos comezos neste sentido. Así, continuamos apostando dun xeito claro polo labor preventivo; tamén polo desenvolvemento de intervencións ou tratamentos cando sexa necesario. E sempre, e desde todos os ámbitos, pola defensa radical da persoa e dos seus dereitos. Porque non queda outra; porque hai que ir ao fondo.

“Pola saúde mental e os dereitos humanos”.