Día Mundial en Memoria das Vítimas dos Accidentes de Tráfico

17/11/2019

”A vida non é un accesorio do vehículo”

A Psicoloxía como disciplina cuxo traballo e atención é o ser humano, NUNCA pode deixar de estar nos peores momentos que atravesa: ante a perda dun ser querido de xeito non natural.

A Psicoloxía e os seus profesionais, os psicólogos e psicólogas, do campo do Tráfico e da Seguridade, non só estamos traballando especialmente para lograr reducir ese 1,3 millóns de persoas que morren e ata 50 millóns que resultan gravemente feridas debido aos sinistros de tráfico en todo o mundo.

A perda de cada ser humano, único e irrepetible, supón todo un drama familiar e social precisamente pola súa unicidade.

Traballamos para PREVIR esta accidentalidade nos distintos medios de transporte: aéreo, marítimo, terrestre, ferroviario…; en vías interurbanas e urbanas. Nestas últimas hai un certo incremento da accidentalidade entre os máis vulnerables: peóns, ciclistas e a recente aparición dos vehículos de mobilidade persoal.

Entre os nosos campos de intervención para lograr a prevención están as asociacións de vítimas, a educación, os centros de recoñecemento, a recuperación de puntos, investigación, reinserción de menores, traballos con penados etc., e alí onde vemos ou nos solicitan que é precisa a nosa contribución.

A psicoloxía, consciente do problema, quere estar presente, especialmente hoxe, Día das Vítimas dos Accidentes de Tráfico, e facervos chegar que continuaremos a traballar arduamente para reducir estas traxedias humanas ata conseguir que este día non sexa necesario.

Desde Galicia tamén nos solidarizamos coas vítimas de Tráfico, non en van levamos case quince anos traballando desde o Grupo de Tráfico e da Seguridade intensamente en todas as frontes: tanto desde a prevención como na intervención, no permiso por puntos e sobre todo con penados de tráfico para evitar a reincidencia. Así mesmo levamos a cabo outras intervencións como é o recente programa de amaxofobia que acabamos de presentar para todo Galicia nas nosas IV Xornadas os día 8 e 9 deste mesmo mes.

Entendemos que hai que seguir rebaixando entre todos o número, non podemos permitir ese repunte de 28 vítimas máis co ano pasado e, efectivamente, coincidimos plenamente co lema deste ano: unha vida merece toda a nosa atención ao volante. Evitemos as distraccións cando conducimos ou usamos as vías.

¡Estamos con e traballando por vós!