Manifesto no Día Internacional das Persoas de Idade

1/10/2019

E ti que queres ser de maior? Pode ser que moitas veces che viñese á mente esta pregunta. Lembras cando foi? Aos 15? Aos 20? Aos 30? E con 70 anos? Que responderías diante desta pregunta?

Se miramos ao noso ao redor, observaremos que as persoas maiores que nos rodean, non só se expoñen esa cuestión senón que van dando resposta a través de cada un dos proxectos que redireccionan a súa vida e medran con eles.

Con este manifesto, no Día Internacional das Persoas de Idade queremos reivindicar desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e desde o Consejo General de la Psicología, e tamén desde o Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento que as persoas maiores teñen dereito a que se lles recoñeza porque:

  1. O crecemento e o desenvolvemento persoal é un proceso continuo e ao longo do ciclo vital, hai que respectar e apoiar os proxectos de vida das persoas maiores.
  2. Seguen interesados polo seu futuro e actúan en función dos seus obxectivos vitais, desexos e intereses.
  3. Continúan considerando a cuestión de “que quero ser de maior?” ou “como quero estar cando sexa maior?”.
  4. Non se lles debe limitar a súa reposta por cuestións de idade e por estereotipos negativos asociados á idade.
  5. Todos temos dereito a decidir como queremos envellecer e a actuar en función dos nosos desexos, independentemente da idade que teñamos.
  6. A soidade nas persoas maiores é un problema crecente que precisa ser atallado e no que os psicólogos e psicólogas e a psicoloxía ten moito que achegar.
  7. A ilusión e o interese por conseguir obxectivos persoais e vitais ou a construción de espazos de relación son bos exemplos de accións para paliar a soidade e potenciar un envellecemento activo.
  8. Os profesionais, a sociedade e as persoas maiores deben involucrarse en dar resposta á soidade de maneira transversal e integral.
  9. As persoas maiores teñen dereito a recibir servizos e recursos de calidade en condicións de igualdade. A atención psicolóxica debe ser un dereito e un servizo accesible para todos e todas.
  10. A Psicoloxía e os/as profesionais da psicoloxía deben orientar os seus esforzos en dar atención especializada ás persoas maiores.
  11. A Psicoloxía leva anos achegando e contribuíndo ao benestar psicolóxico e ao envellecemento activo e saudable e queremos seguir facéndoo.

Na celebración do Día Internacional das Persoas de Idade compete e é responsabilidade de toda a sociedade poñernos no lugar das persoas maiores, falar do envellecemento como parte de nosa propia historia de vida, expornos cal é o noso papel neste desenvolvemento activo do noso envellecemento e o das persoas que nos rodean, sempre desde unha visión positiva e realista, afastada de estereotipos edadistas.

Por iso, como partícipe desta sociedade, propoñemos outra pregunta: Como queres celebrar ese día?

Como cres que o queren celebrar as persoas maiores que están ao teu redor?

Facilitámosche unha serie de ideas:

-          Dá valor aos detalles das persoas maiores

-          Achégate, escoita e actúa con eles

-          Observa, comprende e defende as súas ideas

-          Coñece, respecta e failles saber os seus dereitos

-          Defende os seus proxectos de vida

-          Comparte actividades

-          Reivindica o seu lugar e espazo na sociedade

Lembra que a sociedade que hoxe coides será aquela coa que te atopes mañá.

Non peches os ollos e pensa que podes facer e lévao á práctica. E se es maior, GRAZAS:

-          Por como valorades a vida.

-          Por aprender cada día e ensinar a outras xeracións

-          Por enfrontarvos a retos continuamente

-          Por mostrar un camiño de crecemento e aprendizaxe

-          POR SER EXEMPLO.

E se agora volvemos preguntarnos que nos gustaría ser de maior?