O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra o papel preventivo dos medios de comunicación na violencia contra as mulleres

9/4/2021

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra o importante papel dos medios de comunicación en materia de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, nos seus contidos informativos e de entretemento. Isto débese á emisión do programa Land Rober - Tunai Show de onte xoves 8 de abril, no que unha muller do público, sen o seu consentimento, foi presionada para reunirse coa súa ex parella ao longo de toda a emisión, ata que rematou por relatar unha situación de violencia psicolóxica.

Desde o COPG expresamos o noso rexeitamento a este tipo de contidos que reproducen os mitos do amor romántico que sustentan a violencia machista, como os celos como expresión do amor ou que o amor debe triunfar por riba de todo e de todos. A dominación e o control son algunhas das manifestacións da violencia contra as mulleres e das máis difíciles de identificar, ao ser unha forma psicolóxica, polo que é esencial que desde os medios de comunicación, nos seus contidos tanto de entretemento como informativos, promovan modelos de relación afastados do modelo patriarcal, da submisión e do control.

A Compañía de Radio Televisión de Galicia, como empresa pública, ten unha responsabilidade maior neste sentido, tal e como está recollido na Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, polo que debe vixiarse especialmente este tipo de mensaxes. E desde logo, evitar situacións como a vivida onte, onde a muller sofre violencia de novo a través do propio programa.

Está comprobado que os medios de comunicación teñen un gran potencial para sensibilizar e previr a violencia contra as mulleres, e tamén para a identificación e o recoñecemento de situacións de violencia. É fundamental o compromiso das empresas xornalísticas e de comunicación, a través da formación en materia de igualdade e violencia de xénero, para evitar que episodios tan graves como o emitido onte volvan repetirse.