O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra que non está garantido o dereito á atención psicolóxica da poboación

12/5/2021

Entre o 10 e o 16 de maio ten lugar a Semana Europea da Saúde Mental que incide na accesibilidade á atención psicolóxica

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) lembra que o dereito á atención psicolóxica por parte da cidadanía non está garantido, e insta a reforzar os servizos públicos ante o incremento de vulnerabilidades no actual contexto da emerxencia sanitaria. Esta institución, que representa a máis de 3.200 psicólogos/as en Galicia, realiza este chamamento con motivo da Semana Europea da Saúde Mental, que se desenvolve entre o 10 e o 16 de maio, baixo o lema "a saúde mental importa, máis que nunca", que busca concienciar sobre a importancia deste aspecto nas nosas vidas diarias, especialmente no contexto da pandemia que agravou o sufrimento de moitas persoas.

O COPG fai propia a reivindicación e apela á responsabilidade das distintas administracións públicas a garantir a accesibilidade á atención psicolóxica nos distintos ámbitos, como a saúde, a educación, os servizos sociais comunitarios, as organizacións ou a xustiza, como factor protector para a saúde mental e o benestar psicolóxico.

Cómpre descentralizar e achegar a asistencia psicolóxica ás persoas, e no eido sanitario unha das máis eficaces é incorporar a figura do psicólogo ou psicóloga clínica nos centros de Atención Primaria, o que permitiría un acceso máis rápido a este servizo e diminuiría a sobrecarga de traballo nas Unidades de Saúde Mental. Isto repercutiría especialmente nas persoas que se viron máis afectadas pola pandemia (persoas maiores, nenos, nenas e adolescentes, vítimas de violencia de xénero, vítimas de abusos, profesionais expostos/as, superviventes á COVID-19...). Ademais, se ben xa se incorporaron máis profesionais da psicoloxía clínica ás Unidades de Saúde Mental do SERGAS, cómpre continuar reforzando os/as facultativos de psicoloxía clínica, que xa partía dunha situación crítica previa pola escasa dotación de recursos, e que agora se ve en serias dificultades para atender a actual demanda.

infancia e adolescencia tamén precisa que se atendan as súas necesidades psicolóxicas e emocionais no contexto educativo, pero a día de hoxe, continúa sen contarse coa figura do/a psicólogo/a educativo/a en ningún nivel do ensino obrigatorio, polo que non reciben esa atención profesional que requiren. É imprescindible que os equipos de orientación dos centros educativos de Primaria e Secundaria conten con profesionais da psicoloxía educativa para que poida intervir e atender as necesidade emocionais e psicolóxicas dos rapaces e rapazas que poida axudar o alumnado a integrar a vivencia desta pandemia á súa historia vital dun modo saudable que estimule a resiliencia e non comprometa a súa saúde mental. Trátase dunha reclamación histórica deste Colexio que se evidencia máis aínda no actual contexto.

E tamén cómpre garantir o acceso a atención psicolóxica a nivel comunitario, a porta de entrada de moitas situacións de vulnerabilidade á Administración, que son os concellos. É esencial que se implanten programas de intervención social a través dos psicólogos e psicólogas do eido comunitario que atendan as novas situacións de vulnerabilidade xurdida da emerxencia (persoas maiores, desemprego, discapacidade, inmigración, xénero etc.), e que ademais fomenten a cohesión dentro da comunidade e a resiliencia como habilidade para afrontar a adversidade vivida.

A perda de seres queridos, o paso por unha enfermidade tan grave como é a COVID-19, a desconfianza ou o medo relacionado coas vacinas, o illamento, a perda de emprego efectiva ou posible, a precarización e redución dos ingresos, as restricións á mobilidade, o teletraballo, a exposición do persoal sanitario e das demais profesionais esenciais, as dificultades de conciliación, o medo ao contaxio, a incerteza, o medo... Todos estes son elementos estresores que dunha maneira ou outra, en maior ou menor medida, afectaron a toda a poboación, practicamente sen excepción, e que poden deixar unha pegada psicolóxica nas persoas, polo que é imprescindible favorecer a accesibilidade á atención psicolóxica.