O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia participa na campaña para combater os trastornos da conduta alimentaria do Colegio Oficial de Farmacéuticos de la provincia de A Coruña

15/11/2024

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia participa activamente na nova campaña de sensibilización liderada polas/os farmacéuticas/os galegas/os para combater os trastornos da conduta alimentaria, unha problemática que afecta a 1 de cada 10 mozos e mozas. A colaboración céntrase na creación de materiais divulgativos baseados en evidencia científica e dirixidos a familias, profesionais da educación e da sanidade.

Entre as accións realizadas destacan 15 vídeos divulgativos para plataformas como TikTok e outros medios dixitais, onde psicólogos/as, farmacéuticos/as e outros/as expertos/as abordan sinais de alerta, mitos arredor da alimentación e pautas para unha prevención efectiva. Ademais, distribuiranse cartaces co lema “1 de cada 20 adolescentes sufre un trastorno de conducta alimentaria. Es compromiso de todos detectarlo”.

Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, destacou na presentación da campaña que “detrás de cada cifra hai unha persoa, e é alarmante como estas enfermidades non só aumentan, senón que afectan a idades cada vez máis temperás”. A decana tamén fixo fincapé na importancia de identificar comportamentos que, moitas veces, pasan desapercibidos para as familias e o contorno inmediato, como o illamento social, obsesións coa imaxe corporal ou cambios extremos na conduta alimentaria.

A campaña, que permanecerá activa ata finais de novembro, vén reforzar o compromiso do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia coa saúde mental, facendo fincapé na necesidade dun enfoque multidisciplinar que inclúa a coordinación entre profesionais da psicoloxía, farmacéuticos/as, familias e entidades como a Asociación Coruñesa de Bulimia e Anorexia (ABAC).

Esta iniciativa é un exemplo de como diferentes profesionais poden sumar esforzos para ofrecer unha resposta máis efectiva: “Os trastornos da conduta alimentaria son enfermidades complexas, pero con atención profesional poden superarse completamente. Axudar a detectalos e intervir a tempo é clave”.

A campaña está dispoñible nas farmacias galegas e nos perfís sociais das entidades implicadas.