AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O COPG e a FEGAMP presentan a campaña #PoloBoTrato

21/11/2018

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) presentaron unha nova edición da campaña Concellos #PoloBoTrato: unha serie de recomendacións e compromisos para combater o sexismo, fomentar a corresponsabilidade e loitar por unha igualdade real entre homes e mulleres. Recoñecendo a gran responsabilidade e capacidade de actuación das entidades locais como administración máis próxima á cidadanía, a Fegamp pon á disposición dos 313 concellos e 4 deputacións provinciais un cartel  personalizable cun decálogo de actuacións para aplicar no ámbito local e promover así unha cultura do bo trato, xunto con materiais para as redes sociais.  

Trátase dunha serie de compromisos para que as corporacións locais manteñan unha perspectiva de xénero nas súas diferentes actividades e así contribuír a construír unha sociedade máis igualitaria. Así, deféndese a prevención e o fomento de valores de igualdade nas actividades dirixidas a menores, eliminar o sexismo da linguaxe ou da publicidade, e tamén a ruptura cos roles de xénero tradicionais, fomentando a ética no coidado tanto de menores como de persoas dependentes.

 Materiais dispoñibles para os concellos [accede á información]