O COPG participa no acto de homenaxe ás vítimas da COVID-19, organizado polos 29 colexios profesionais sanitarios

1/7/2020
 
Os 29 colexios profesionais sanitarios de Galicia, que aglutinan a quince profesións, reuníronse, por primeira vez na súa historia, nun acto conxunto e decidiron, por unanimidade, organizar unha homenaxe ás vítimas da COVID-19, o 28 de xullo, ás once da mañá, que terá como marco o Salón Nobre do Pazo de Fonseca, cedido para a ocasión polo reitor da USC, Antonio López. 
 
Á reunión, celebrada na sede de Santiago do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña este martes, 30 de xuño, asistiron dentistas- odontólogos/as,  dietistas- nutricionistas, enfermeiros/as, farmacéuticos/as, fisioterapeutas, hixienistas dentais, logopedas, médicos/as, ópticos/as-optometristas, podólogos/as, protésicos/as dentais, psicólogos/as, terapeutas ocupacionais, traballadores/as sociais e veterinarios/as.
 
O acto consistirá na lectura dun manifesto, con dúas partes: unha referida ás vítimas (infectados/as, ingresados/as en centros hospitalarios, internados/as en UCI, falecidos/as e familiares dos/as mortos/as, a atención que recibiron, a morte en soidade e as secuelas dos que superaron o proceso agudo; e unha máis técnica e científica: debut da pandemia, evolución, recursos humanos e medios materiais, situación actual e futuro (posibles rebrotes e secuelas naqueles que, inicialmente, superaron a enfermidade), e peticións ás administracións e á poboación.
 
O documento lerano 29 representantes dos 29 colexios profesionais das catro provincias galegas que se sumaron ao evento; o acto pecharase cunha actuación musical. 
 
Os colexios profesionais sanitarios pretenden que o evento sexa breve, solemne e austero, de acordo coas circunstancias. Por cuestións de seguridade, o número máximo de asistentes será de 100 persoas, para cumprir coas normas ditadas pola autoridade sanitaria.