AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

15 de xuño, Día Mundial para a Concienciación sobre o Abuso e Malos Tratos ás Persoas Maiores

15/6/2018

O Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento do COPG, un ano máis, quere colaborar no Día Mundial para a Concienciación sobre o abuso e malos tratos ás persoas maiores, que se celebra o 15 de xuño, coa publicación dun Manifesto sobre os seus dereitos.

Cremos que a mellor maneira de loitar contra esta problemática é evidenciar que, detrás de actitudes e comportamentos socialmente aceptados, se esconden accións abusivas cara ás Persoas Maiores e que a sociedade ignora, normaliza ou silencia.

Entendemos o Bo Trato ás Persoas Maiores como o conxunto de actitudes e accións que preservan a súa identidade e dignidade, que garanten o seu benestar e calidade de vida, que proporcionan escoita activa, acompañamento e comunicación efectiva. Que empoderan.

Este ano pedimos a algunhas persoas maiores que ilustren o Manifesto coas súas opinións respecto duns dereitos que, consideran, deberían ser os mesmos que os das persoas de calquera idade: os Dereitos Humanos. Quen mellor que elas para transmitirnos como senten cando ven que os seus dereitos son vulnerados pola sociedade! 

MANIFESTO 

As persoas maiores deben ter garantidos, entre outros, os seguintes dereitos: 

DEREITO A PRESERVAR A IDENTIDADE PERSOAL E A DIGNIDADE

Dereito á liberdade, á autonomía e a ter un trato digno e acorde á súa historia de vida.

Toda a miña vida cantei nunha coral. É o que me fai máis feliz, pero xa non podo ir porque ninguén quere acompañarme. (ROSA)

DEREITO AO SEU EMPODERAMENTO

A contorna da persoa maior debe promover a dignidade e a autoestima da mesma, evitando provocar sentimentos negativos e de inutilidade.

As persoas maiores non somos trastes vellos. Temos experiencia, axudamos, criamos aos netos… Merecemos respecto. (PILAR)

DEREITO A DECIDIR

E a que a decisión sexa respectada, aínda que sexa contraria ao que pensan as persoas coas que convive e aman á persoa maior.

A miña irmá enfadouse comigo porque di que se non vou a unha residencia doulle moito traballo, pero eu quero vivir na miña casa! (ANTONIO)

DEREITO A OPINAR

A opinión da persoa maior debe ter o mesmo peso que a dos outros membros do seu ámbito social, familiar ou comunitario.

Moléstame que en casa ninguén me consulte nada e explíquenme as decisións cando xa están tomadas. Sinto que a miña opinión xa non vale para nada. (CRISTÓBAL)

DEREITO A ELIXIR LIBREMENTE

A persoa maior ten dereito a elixir que comer, beber ou facer e a non ser forzada a actuar de maneira contraria á súa vontade.

Non entendo por que a miña filla ten que decidir onde vivo, que roupa poño, que como… Non son unha nena! (LOLA)

DEREITO A APRENDER E ACCEDER ÁS NOVAS TECNOLOXIAS

A idade non debe supoñer unha limitación para a aprendizaxe. A sociedade debe facilitar a formación e o acceso das persoas maiores ás TIC.

Quédame moito por aprender. A curiosidade mantenme vivo! Gustaríame apuntarme a un curso de astronomía, pero o meu xenro di que é tirar o diñeiro. (JUAN)

DEREITO A NAMORARSE E A GOZAR DA SÚA SEXUALIDADE

A persoa maior ten dereito a amar sen sentirse axuizado ou culpable polo feito de amar. Ten dereito a gozar dunha sexualidade libre, digna e positiva.

Os meus fillos non aceptaron a miña relación coa persoa da que me namorei. Arrepíntome de haberlles feito caso. Bótoa moito de menos! (PEPE)

DEREITO A EXPRESAR EMOCIÓNS E SENTIMENTOS

A persoa maior ten dereito a que non se reprima ou ignore a expresión do seu estado anímico e emocional.

Por que non me deixan chorar cando estou triste? Por que lle quitan importancia ao que eu sinto? (MARÍA)

DEREITO A TER O CONTROL E A XESTIONAR O SEU PATRIMONIO

As persoas maiores deben ter control sobre as súas pertenzas e decidir como queren xestionalas. Esta decisión debe ser respectada en todo momento, aínda que non se estea de acordo con ela. O patrimonio acumulado é froito do traballo de toda unha vida e soamente a persoa maior debe decidir sobre o mesmo sen delegar en ninguén, sen ser coartada, condicionada ou manipulada por terceiros, ben sexan do ámbito familiar ou do ámbito social.

Estou moi enfadada cos meus fillos. Teñen a miña cartilla de aforro e dinme que agora levan as contas eles para que non me teña que preocupar e que se necesito algo que llo pida. Por que teño que pedir algo que é meu? (ROSA)

DEREITO Á INTIMIDADE

Dereito a que se respecte a privacidade do espazo e as relacións da persoa maior. Este dereito está especialmente vulnerado nas residencias, sobre todo cando a persoa ten algún problema cognitivo.

Boto de menos poder falar con alguén sen estar sempre rodeado de xente, coa orella posta para saber que digo. (JOSÉ)

DEREITO A DENUNCIAR

Entender que é denunciable calquera situación de malos tratos, neglixencia ou trato inadecuado, tanto no ámbito familiar como institucional.

Pero como vas denuncialo! Despois tes que seguir vivindo con eles e será peor. (JOSÉ)

DEREITO A NON SER TRATADO DE MANEIRA INFANTIL

A persoa maior ten dereito a ser tratada con respecto, polo seu nome, sen diminutivos nin expresións infantilizantes.

Non soporto que me cambien o nome! Chámome Mª Teresa, non Maite nin Teresita. Xa sei que o fan cariñosamente, pero dáme unha carraxe… (Mª TERESA)

DEREITO A NON SER INMOBILIZADO NIN  POLIMEDICADO INNECESARIAMENTE

En caso de deterioración cognitiva grave, a persoa ten dereito á prescrición de recursos alternativos á contención física ou farmacolóxica, que preserven a dignidade e non comporten efectos negativos sobre a saúde.

Aterrorízame pensar que se perdo a cabeza téñanme atado ou  drogado para que non moleste. Prefiro morrer! (FERNANDO)

DEREITO A VIVIR MÁIS E MELLOR

A persoa maior ten dereito a vivir en condicións dignas e a unha asistencia psicolóxica, sanitaria e social adecuada ás súas necesidades, procurando con iso mellorar a calidade de vida.

Como teño tantos anos di o médico que xa non merece a pena operar. Eu non sei os anos que me quedan por vivir pero estas dores de xeonllos estanme matando. Se teño que vivir así prefiro morrerme canto antes. (ÁNGELA)

DEREITO A DECIDIR SOBRE A PROPIA MORTE

Debe ser respectada a vontade das persoas acerca da súa morte e garantido o seu dereito para morrer dignamente.

Non me gustaría morrer nun hospital. Cando chegue o momento quero que os meus fillos me leven á casa para morrer na miña cama , rodeado das miñas cousas e a miña familia. (PEDRO) 

Porque existen moitas situacións de malos tratos ás persoas maiores xustificados na nosa sociedade e tamén na atención sanitaria e social, porque todas as persoas, especialmente as máis fráxiles e vulnerables, deben ter oportunidades de desenvolvemento persoal e implicación activa na súa vida cotiá e nas súas contornas

QUEREMOS

- Comprometernos, especialmente desde o noso ser profesional como psicólogos e psicólogas, a visibilizar calquera acción que atente contra os dereitos das persoas maiores e a impulsar na medida das nosas posibilidades, accións orientadas á información, prevención, detección e intervención en calquera situación de malos tratos.

- Promover, facilitando os apoios necesarios, que as persoas maiores gocen dunha vida plena segundo os seus valores e os seus proxectos de vida.

- Deixar de ser cómplices destas situacións de malos tratos socialmente xustificados, o cal comeza por cuestionarnos sobre cales son os meus prexuízos, actitudes e accións, tanto a nivel profesional como persoal, cara ás persoas maiores.

O bo trato é universal, é o resultado do respecto dos dereitos, da dignidade da persoa, o bo trato non ten idade e implica recoñecer ao outro de igual a igual.

Todos temos responsabilidade.

Queres unirte a nós?