Manifesto no Día Internacional de Maltrato a Persoas Maiores

14/6/2019

Cando o primeiro raio de sol entra pola xanela sei que a miña filla abrirá a porta da miña habitación e dirame: “Veña, mamá, é hora de levantarse”, pois é o que me di todas as mañás, boto de menos que algunha vez me pregunte a que hora quero levantarme (Dereito a decidir, decidir é un principio e un dereito). Ultimamente, deime de conta de que a miña filla decide  case todo por min, “a que  hora teño que deitarme, o que teño que andar diariamente, a hora á que teño que almorzar, comer e cear” (Dereito a elixir libremente), di que o fai porque me quere, pero pregúntome se “o amor é elixirlle todo á outra persoa”.

Hai pouco fun ver unha amiga que está ingresada nunha Residencia, ela dime que hoxe en día temos  sorte  pois  todo  está Centrado en preservar a autonomía das persoas maiores, pero cando me comenta que o diñeiro llo xestionan os seus fillos xa que lle din que ela xa “non ten necesidade de preocuparse por esas cousas” (Dereito a ter o control e xestionar) pregúntome en que persoa estará Centrado o devandito principio.

Ultimamente cando me emociono dinme que teño que sentirme feliz por chegar con tan boa calidade de vida á miña idade e, a verdade, sinto que tentan quitarlle importancia á etapa máis dura e menos comprendida pola que pasei ao longo de toda a miña vida (dereito a expresar emocións).

Din que na vellez xa non hai nada que “aprender”, con todo, eu tiven que aprender a levar unha braga-cueiro con dignidade, a que cando me axudan a ducharme entren os meus netos no baño sen ter en conta o meu pudor (dereito á intimidade), a que non podo ir onde quero se non vou acompañada, de feito tiven que deixar de ir á cafetería onde me reunía coas miñas amigas porque á miña filla o seu horario non lle ía ben (dereito a preservar a identidade persoal e a dignidade), xa non podo cociñar nin sentirme útil pois din que en lugar de axudar mánchoo todo (dereito ao empoderamento). Aínda recordo cando ensinaba á miña filla para cociñar, as dúas nos divertiamos moitísimo aínda que o ensuciábamos todo; non sei que é o que puido cambiar.

O outro día mentres estaba sentada nun dos meus paseos diarios coñecín un señor moi amable, díxenlle á miña filla que me convidara a que tomase café con el un día destes pero ela miroume, sorriu e díxome que eu xa non tiña idade para estas cousas (dereito a expresar as emocións e sentimentos, dereito a gozar da súa sexualidade) e a verdade, non sabía que os sentimentos a unha determinada idade non se podían deixar aflorar.

Cando a miña filla me dá as 10 pastillas diarias que tomo xa non lle pregunto para que serve cada unha, cólloas e tómoas aínda que me gustaría saber se realmente serven para algo e se teño a opción de decidir se hai outras opcións (dereito a non ser polimedicado innecesariamente). Tampouco me gustaría pensar que nalgún caso esa medicación estivese máis dirixida á tranquilidade e sobreprotección dos meus coidadores, que á miña propia saúde.

O outro día unha amiga preguntoume por que xa non me levo coa miña segunda filla, tristemente tívenlle  que dicir que cando vivía con ela facía uso da pensión para os seus propios gastos (dereito a denunciar) e cando o meu outro fillo se decatou levoume á súa casa e comentoume que se quería podía denunciala, que podiamos ir aos servizos sociais a que nos asesorasen, pero ter que denunciar un fillo é moi duro.

Sempre tentei que os meus fillos e fillas puidesen vivir coa maior calidade de vida, e o mesmo quéroo para min; boto de menos que alguén (dereito a vivir máis e mellor) me informe de todos os cambios que vou experimentar nesta etapa da vida, que me oriente acerca das posibilidades de lecer que existen, pois veño dunha xeración na que todo era traballar e gustaríame vivir con plenitude esta etapa. E en caso de padecer unha enfermidade gustaríame poder decidir como levala e sobre todo, como pasala, elixir con quen e onde pasar os meus últimos momentos, (dereito a decidir sobre a súa propia morte), sei que querería que fose na casa e cos meus, pero na actualidade non podo expor este tema coa miña familia, pois non queren que fale do tema e eu pregúntome: cando chegue o momento como saberán o que quero?

Sempre que o meu neto me propoñía xogar á videoconsola dáballe unha escusa diferente, pero o outro día arrísqueme e pedinlle que me ensinase a xogar, perdín todas o partidas pero tamén rin moitísimo (dereito a aprender e dereito a acceder ás novas tecnoloxías). Eu son das que temía facerme maior, ata que aprendín que gañaba sabedoría día a día (Ernest Hemingway). 

Por todo iso desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través do Consejo General de la Psicología e en concreto desde o seu grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento solicitamos á sociedade e os organismos competentes nas competencias de sanidade e de servizos sociais que:

  1. Detección da violencia de xénero na vellez: por exemplo a identificación dos malos tratos físicos, psicolóxico e sexual en mulleres con trastorno neurocognitivo para mellorar a asistencia e a protección por parte da lexislación e promover políticas de sexualidade responsable.
  2. Prevención medio ambiente: Os problemas de saúde relacionados cos factores ambientais como consecuencia do cambio climático e aumento de contaminación; desenvólvense cada vez con máis frecuencia e intensidade, afectando os grupos máis vulnerables no noso caso as persoas maiores, pois son causa de patoloxías cardiovasculares e enfermidades respiratorias. Valoramos necesario fomentar cidades amigables a través da limitación da exposición a temperaturas extremas e humidades co fin de previr os efectos, de Políticas de redución da contaminación, control de produtos químicos, residuos e augas e en espazos pechados como tendas etc., de unificar criterios de exposición ao aire acondicionado, de Espazos libres de fume e de promoción de espazos verdes e de descanso nas cidades co fin de reducir o dióxido de carbono.
  3. Promover servizos próximos e específicos ao domicilio: isto é, unidades de barrio que promoven redes sociais próximas, que poidan servir de apoio no seu propio barrio de referencia e en centros lonxe  do seu pobo ou cidade na cal non existen redes de apoio nin ás que existe un arraigamento nin sentimento de pertenza.
  4. Solucións para infraestruturas  adaptadas a persoas anciás: Debido á necesidade dos espazos para vivir que sexan seguros e accesibles, axudando a preservar a autonomía, polo que se valora necesario crear infraestruturas limpas, seguras e sen barreiras como: elevar os pasos de peóns e liberar un espazo nos mesmos para quen vai máis lentamente ao cruzar; facilitar nas cidades con pendentes cintas ou escaleiras mecánicas; creación de códigos de cores universais e intuitivas para indicar a proximidade de espazos accesibles, con elementos acondicionados a necesidades sanitarias; promover espazos con sombra, paradas de descanso e parques con acceso a auga potable; existencia de  urinarios adaptados, en puntos estratéxicos de maior tránsito de persoas anciás accedendo con documentación persoal (DNI); e contedores de lixo sen pedal, xa que non sempre teñen a forza nin o equilibrio necesarios.
  5. Recursos para  a prevención de psicopatoloxías nas  persoas maiores, fomentando a autoestima, creando lazos sociais con iguais e persoas de distintas xeracións, creando un espazo no que compartir inquietudes e atopar apoio emocional ao descubrir e poñer en práctica a súa capacidade para aprender e compartir experiencias e coñecementos e promover na sociedade experiencias interxeracionais. A través de actividades de cinema-fórum, charlas nas que se aborde o papel da persoa maior en cada historia familiar, talleres nos que eles ensinen a pintar, cantar cancións populares, actividades de costura, realización de maquetas, xogos de mesa, bailes, contacontos, cestería e outros labores artesáns.