Manifesto no Día Mundial do Alzheimer: A ollada do Alzheimer

21/9/2020

“Non entendo nada, hoxe non saín ao xardín, tampouco comín cos meus compañeiros na mesa, nin realizamos actividades grupais, non o entendo… non entendo por que levan luvas e máscaras, será por algo que fixen?... non o entendo, non me explican…”

Unha persoa con enfermidade de Alzheimer presenta desorientación temporal, espacial e perda de memoria, entre outros síntomas. É aínda máis duro se se lle engade unha situación excepcional como a do COVID-19 que provocou que se substitúan aqueles xestos que os fan estar conectados cos demais (apertas, caricias, sorrisos…) polo confinamento, o illamento, a perda de sensacións. Esta supuxo un maior choque naqueles maiores que padecen síntomas da enfermidade de Alzheimer. Unha situación que para as persoas maiores supuxo sacalas da súa rutina, dun lugar coñecido e seguro, para que se manteñan illados, sen relacións interpersoais.

Esta situación supón incerteza, podendo agravar a súa sintomatoloxía: ansiedade, delirios alucinacións. As caricias e as apertas transformáronse en chamadas e  videochamadas difíciles de comprender, sen ser capaces de captar como os seus familiares estaban dentro deses dispositivos. Unhas barreiras que creaban maior incerteza.

Non entender o que pasa ao seu redor, un problema invisible, un virus incomprensible fai que se agrave a súa sensación de indefensión, a súa desorientación.

Fíxose patente a necesidade do labor do profesional da Psicoloxía, dando pautas a familiares e traballadores, sobre as demandas ante a confusión de como actuar ante as respostas, os comportamentos ou os pensamentos das persoas con Alzheimer, mesmo atender a situacións que podían levar a comportamentos agresivos e que coñecemos como síntomas psicolóxicos (SPCD).

Non podemos esquecer os que esquecen, no noso, temos que empatizar, pensar como viven esta situación as persoas que presentan Alzheimer. Facernos partícipes do duro que é mirar cos seus ollos. Temos que humanizarnos, explicarlles o que está a ocorrer, adaptando a información para que sexa comprensible.

Seguindo as recomendacións da OMS, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través do Consejo General de la Psicología, remarca a necesidade coidar a nosa saúde mental, dotando de pautas claras e de orientacións ás persoas coidadoras para que poidan xestionar as situacións de ansiedade ou de depresión derivadas do coidado e que afectan á súa saúde mental. Sigamos as recomendacións da OMS (2020): para afrontar a situación ante a COVID-19 é necesario promover unha cooperación mundial.

Desde o Grupo de Traballo de Psicoloxía do Envellecemento do Consejo General de la Psicología consideramos imprescindible que se conte co labor profesional do psicólogo para paliar os efectos que a COVID-19 está ocasionado nas persoas con Alzheimer e dotar a familiares e coidadores de ferramentas para actuar ante situacións de incerteza ou ansiedade no coidado dunha persoa con Alzheimer. Por iso instamos ás diferentes administracións a que inclúan a figura do profesional da Psicoloxía en todos os ámbitos nos que se atende a persoas que padecen Alzheimer.

21 de setembro, Día Mundial do Alzheimer