AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O Colexio de Psicoloxía expón a ausencia de psicólogos/as nos concellos á Deputación da Coruña

9/4/2018

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reuniuse coa deputada provincial da Coruña Ánxela Franco para trasladarlle a escasa presenza de psicólogos e psicólogas nos servizos sociais comunitarios. A decana, Mª Rosa Álvarez Prada, xunto coa presidenta da Sección de Psicoloxía da Intervención Social do COPG, Mª Jesús López Cernadas, e os membros da Xunta de Goberno José Manuel Oreiro e Alejandra Fernández, adiantáronlle na xuntanza do 5 de abril os resultados dunha enquisa que vén de realizar o Colexio e que ofrece un panorama de precariedade na asistencia psicolóxica no eido dos servizos sociais comunitarios.

O COPG realizou un cuestionario entre os seus colexiados e colexiadas en marzo deste ano co fin de coñecer cal é a situación da psicoloxía nos concellos galegos. "Moitos servizos sociais derivaron nun carácter asistencialista, o que se cría xa superado por un enfoque biopsicosocial. Hoxe en día, dúas destas tres patas están máis ou menos aseguradas, a biolóxica a través da Sanidade e a social a través do Traballo Social; en cambio, a psicolóxica é a máis precaria de todas elas e en moitos concellos inexistente, cando non pode ser atendida por ningún outro perfil profesional que o do psicólogo ou psicóloga", explicou a decana do Colexio.

Máis dun terzo dos psicólogos e psicólogas que exercen nos eido local fano en programas nos que obrigatoriamente teñen que integralos por decreto, como nos Centros de Información á Muller (CIM) e que van dirixido a un público moi concreto. Isto implica que a presenza de psicólogos e psicólogas nos concellos integrando os equipos multidisciplinares de servizos sociais é practicamente anecdótica e irrelevante.

Máis do 40% dos psicólogos e psicólogas que actúan na provincia da Coruña a nivel municipal ten un contrato temporal e, ademais, un de cada cinco traballa menos de 20 horas semanais. Isto ofrécenos un contexto de precariedade, ao que se une o feito de que o 18% non están contratados como psicólogos nin psicólogas, xunto coa falta de recoñecemento profesional que experimentan dous de cada cinco colexiados e colexiadas. Tamén se detectou a través da enquisa que unha parte importante desta precariedade provén do sistema de programas que provocan que con eles desaparezan os profesionais, non existe continuidade nos equipos de traballo nos concellos.

Son moitas as oportunidades que ten a psicoloxía nos ámbito municipal e os beneficios para a comunidade son determinantes. Trátase do chanzo máis próximo á cidadanía e é imprescindible que a atención psicolóxica estea nel: é incomprensible que isto non sexa así. O perfil profesional do psicólogo ou psicóloga non pode ser substituído por outro; cómpre estar na dirección e na coordinación do equipo multidisciplinar de Servizos Sociais. A psicoloxía nos servizos sociais permite a abordaxe integral das necesidade e das problemáticas das persoas, das familias e dos colectivos; actúa no ámbito preventivo o que facilita reducir o impacto de cuestións tan graves como a violencia machista, as drogodependencias ou a marxinalidade.

Estes datos relativos á provincia da Coruña son un primeiro avance dun informe sobre a situación da psicoloxía nos concellos galegos que está a elaborar o Colexio de Psicoloxía. Desta primeira abordaxe, a conclusión máis evidente é que a dotación de profesionais da Psicoloxía é claramente insuficiente para a demanda existente (o número de profesionais en Galicia está moi por debaixo do nivel europeo).

As administracións particularmente, pero tamén a sociedade no seu conxunto, perciben a actuación profesional do psicólogo ou psicóloga como necesaria –ás veces como imprescindible– cada vez en máis áreas de intervención, como nos servizos sociais e comunitarios. Non prestar atención aos factores psicolóxicos neste campo é un signo de atraso como comunidade e de inxustiza social.

A atención psicolóxica é moi escasa nos concellos urbanos, e practicamente inexistente nos rurais; é preciso que se incorpore nos equipos multidisciplinares dos municipios, e naqueles máis pequenos, mancomunar o servizo. Toda a cidadanía, independentemente do municipio no que viva, ten dereito a poder recibir unha atención psicolóxica cualitativa ás súas dimensións emocionais, afectivas, relacionais e condutuais. A experiencia revélanos que, se funciona ben este servizo, poden previrse moitas problemáticas e facer que as persoas e as comunidades se desenvolvan de xeito máis saudable.

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia pensamos que a importancia que nos concellos se lle dea aos servizos sociais é un factor indicativo á hora de medir a calidade da atención e o progreso dunha comunidade. Para contribuír a esa calidade parécenos imprescindible abordar cada circunstancia social desde unha perspectiva que contemple o benestar psicolóxico.

 A Psicoloxía nos Concellos. Provincia de A Coruña  [ver pdf]