O Colexio de Psicoloxía avalía a atención ás persoas con trastorno mental grave nunhas xornadas en Lugo

18/11/2021

A partir do 18 de novembro, máis de cen psicólogos e psicólogas participarán na XXVI Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que nesta ocasión se centran na atención ao trastorno mental grave e que se desenvolverán ata o sábado no Salón de Actos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo.

O prestixioso psicólogo clínico británico Richard P. Bentall, profesor da Universidade de Sheffield no Reino Unido, será o responsable de pechar un programa no que se abordarán as necesidades, os dereitos e os recursos na atención ao trastorno mental grave. Bentall leva dedicada a súa carreira a cambiar o modo en que se ven estes trastornos, propoñendo unha abordaxe multidisciplinaria máis alá da estritamente farmacolóxica para pacientes que teñen diagnósticos como a psicose ou a esquizofrenia, patoloxías cunha prevalencia dun 1,2% da poboación galega.

A intención é "reflexionar sobre as respostas, tendo en conta a opinión das propias persoas con trastorno mental grave e as doutros profesionais implicados, poñendo no eixo central os seus dereitos, a dignidade e a loita contra o estigma", explica a colexiada María Jesús Vázquez Carreira, presidenta do Comité Científico das Xornadas. "A intervención no noso sistema sanitario é principalmente a través de psicofármacos, pero a evidencia científica demostra a eficacia de tratamentos psicolóxicos e psicosociais", engade Alba Fernández Revaldería, que preside o Comité Organizador. 

Un amplo programa   
A apertura do programa oficial correrá por conta da psicóloga clínica Marisol Filgueira na mañá do venres 19, que ofrecerá unha conferencia en tono autobiográfico da súa experiencia persoal traballando con trastorno mental grave, abordando cuestións polémicas do exercicio da profesión nesta área. A continuación, será o momento de falar sobre os dereitos humanos nunha mesa na que participarán a usuaria e membro fundadora do Programa Radio Prometea Paula Tomé Espiñeira; a voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro Landín; e o xurista Miguel Vieito Villar.

Na parte da tarde continuará cunha mesa sobre as necesidades asistenciais das persoas máis desfavorecidas, como aquelas que se atopan en prisións, sen teito ou que viven no rural, e que teñen unha maior dificultade de acceso aos servizos. Nela explicarán as súas experiencias Helena Insua Olveira, traballadora social de ASFEDRO e do programa de atención a Drogodependentes na prisión de Teixeiro; así como Mauro Seijas López, psicólogo do programa "Sen Teito", da Cruz Vermella de Lugo; e o médico de familia de Meira, Francisco Martínez Anta.

Os novos modelos e estratexias de intervención comunitaria protagonizarán a sesión da mañá do sábado 20, na que participarán varios especialistas en psicoloxía clínica do conxunto do Estado: Aislinn García Hermo, vicepresidenta da Asociación La Porvenir de Madrid; Patricia Escalona Zorita, do centro de saúde mental de Les Corts e Sarrià Sant Gervasi de Barcelona; Félix Inchausti Gómez, que exerce na Unidade de Saúde Mental Espartero do Servicio Riojano de Salud; e Alberto Gimeno Peón, que exerce na práctica privada en Asturias.

Previamente, na tarde do xoves 18 ofreceranse dous obradoiros dirixidos a mellorar as habilidades dos psicólogos e psicólogas que traballan con persoas con trastorno mental grave. Un correrá por conta de Aislinn García, que reflexionará sobre as alternativas ás prácticas coercitivas, mentres que Félix Inchausti aproximará a terapia metacognitiva interpersoal para estas psicopatoloxías.

Como é tradición nas Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde, presentarase o novo número do Anuario da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, ademais de reservar un espazo para as comunicacións libres e pósteres, que foron remitidas polos colexiados e colexiadas nas que se trate calquera temática relacionada coa psicoloxía clínica ou da saúde. As mellores, tanto en formato oral como escrito, recibirán un bono formación por valor de 200 euros.

As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico-profesional de maior antigüidade organizado polo COPG, desde as primeiras celebradas en 1996, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde, así como promover a actualización científico-técnica en materias específicas. Esta iniciativa vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar.