AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O Colexio de Psicoloxía esixe o acceso a tratamentos psicolóxicos sen derivación previa desde servizos de psiquiatría

27/12/2017

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa preocupación e alarma ante os feitos expostos ante a opinión pública pola Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, segundo os cales as persoas usuarias non poderán acceder a consultas de psicoloxía clínica sen pasar previamente por psiquiatría. Para esta corporación de dereito público que representa a case 3.000 psicólogos e psicólogas en Galicia, resulta inaceptable que desde o Servizo de Psiquiatría deste hospital se estean a tomar decisións que vulneran o dereito dos/as pacientes a acceder a tratamentos psicolóxicos dos que poderían beneficiarse e esixe a retirada deste criterio.

Non existe ningún argumento técnico ou de xestión que xustifique que un ou unha paciente deba ser atendido en primeira instancia por un ou unha psiquiatra tras ser derivado a un profesional da Psicoloxía Clínica por parte dun médico ou médica de familia ou de calquera outro profesional.

Trátase dunha medida irregular, ao dificultar que os e as pacientes poidan acceder a prestacións da Carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde. Ademais non existe ningún criterio técnico nin científico que poida xustificar dita decisión, xa que os tratamentos psicolóxicos forman parte esencial do tratamento de calquera trastorno mental e resultan ser de primeira elección no tratamento de numerosos trastornos mentais. Por último, trátase dunha medida ineficiente, ao alongar os tempos de espera que o ou a paciente terá que soportar para ser atendido polo profesional ao que foi orixinalmente derivado ao ser sometido artificialmente a unha dobre lista de espera, primeiro para o/a psiquiatra e, unha vez visto por este, para o psicólogo ou psicóloga clínica.

Esta medida ademais atenta de maneira frontal contra os principios do traballo interdisciplinar, tendo en conta ademais que foi tomada unilateralmente pola xefatura de Psiquiatría sen consultar a outros colectivos profesionais implicados, como os de medicina de familia e ou especialistas en Psicoloxía Clínica.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia defende a necesidade dunha atención psicolóxica accesible, pública e de calidade en Galicia e lamenta esta e outras decisións arbitrarias que poden ir en detrimento da mesma.

Por todo iso instamos aos responsables da adopción desta lamentable decisión que a revertan con carácter inmediato. Igualmente desexamos que os contidos do futuro Plan estratéxico galego de saúde mental 2017-2020 supoña un elemento preventivo ante a toma de decisións nesta liña de deterioro da atención pública á Saúde Mental.