AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O Goberno galego abandona a atención psicolóxica no sistema público de saúde

9/2/2018
  • Para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia é inadmisible que non se convoquen prazas para a especialidade de psicoloxía clínica na Oferta Pública de Emprego do Sergas, cando son imprescindibles crear 26 prazas para equipararnos á xa exigua media estatal. 

De novo, na vindeira convocatoria de Oferta Pública de Emprego (OPE) do Servizo Galego de Saúde non se incluirá ningunha praza para especialistas en psicoloxía clínica, o que significa un verdadeiro abandono da atención psicolóxica no sistema público de saúde, con tan só tres prazas convocadas desde 2010. Actualmente, non se chega a cen especialistas exercendo no Sergas, é dicir, 3,34 por cada 100.000 habitantes, o que significa que para aproximarnos á media estatal de 4,3 é imprescindible e urxente convocar 26 prazas como mínimo.

Con esta infradotación de psicólogos e psicólogas clínicas é imposible prestar os tratamentos psicolóxicos que se recollen na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde, o que implica desatender a saúde mental da poboación galega e vulnerar os seus dereitos recollidos por lei. Máis aínda se temos en conta que unha de cada tres consultas en atención primaria está vinculada coa saúde mental, un nivel asistencial no que xa se está a incorporar a psicoloxía clínica noutras autonomías, a diferencia de Galicia.

Resulta inadmisible que se sigan cubrindo as carencias asistenciais en psicoloxía clínica do sistema e tratan de cubrir esas eivas con bolsas de investigación e con convenios con oenegués para a prestación de asistencia, como vimos constatando nas áreas de atención a vítimas de tráfico, oncoloxía, coidados paliativos ou neuroloxía. Ademais, en Galicia a prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico, como a depresión ou a ansiedade crónicas, supera con moito a media estatal, (sobre o total de persoas con enfermidades crónicas, a prevalencia en Galicia 12,06% fronte ao 7,83% estatal no caso da depresión crónica, e dun 12,57% fronte a un 7,6% no da ansiedade crónica), o que esixe unha dotación de profesionais superior a media española.

Ademais, seguimos a comprobar como hai dispositivos asistenciais básicos en saúde mental sen psicólogas nin psicólogos clínicos e que son atendidos a tempo parcial (hospitais de día psiquiátricos, unidades de psicoxeriatría, unidades de saúde mental, etc.). Unha situación que resulta máis evidente nas consultas de psicoloxía clínica de interconsulta e enlace dos hospitais xerais, contando cun único especialista en psicoloxía clínica para a poboación atendida nun centro do tamaño do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

E ante a falta de tratamentos psicolóxicos, a resposta asistencial son psicofármacos: desde o 2000 cuadriplicouse o consumo de antidepresivos, segundo a Axencia Española do Medicamento. As taxas de suicidio continúan en niveis altísimos, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa do Estado (11,74 suicidios por cada 100.000 habitantes fronte a 7,76 na media estatal). Seguimos sen contar cun Plan Estratéxico de Saúde Mental en Galicia, unha necesidade urxente. Galicia ten a ratio máis baixa en atención ambulatoria de poboación sen diagnóstico primario de consumo de tóxicos, tanto en especialistas en psicoloxía clínica como en psiquiatría.

A saúde mental non pode atallarse unicamente desde o plano farmacolóxico, cando todas as entidades mundiais, entre elas tamén a Organización Mundial da Saúde, sinalan a eficacia dos tratamentos psicolóxicos. Na sanidade pública galega, unha persoa pode estar agardando ata seis meses para ser atendida nas Unidades de Saúde Mental; é dicir: existe unha demanda por parte da cidadanía que precisa de recursos humanos para ser atendida, porque a atención psicolóxica só pode ser prestada por psicólogos e psicólogas.

Unha realidade á que hai que sumar que, actualmente, uns 150 psicólogos e psicólogas clínicas que se formaron en Galicia e con cargo ás arcas públicas se atopan nas listaxes de contratación do Sergas; unha perda de investimento económico e de recursos humanos para unha necesidade real, a da atención psicolóxica no Sergas. Esta ineficiencia económica increméntase a través dun modelo asistencial baseado nos psicofármacos, que é máis caro, facilita a cronificación dos problemas (é dicir, máis baixas laborais por trastornos de saúde mental) e dana a saúde das persoas. Desde o COPG apelamos a unha verdadeira comunicación entre as partes implicadas, profesionais, Administración e persoas usuarias, co fin de definir unha planificación estratéxica en saúde mental eficiente e responsable.