Vacinación do colectivo da psicoloxía

5/3/2021

ACLARACIÓN: o COPG comunicou os datos de psicólogos/as sanitarios/as (xerais sanitarios/as, habilitados/as para o exercicio de actividades sanitarias e especialistas en psicoloxía clínica) seguindo as ordes da Xunta de Galicia. Este colexio non ten competencia para decidir sobre a vacinación,  nin sobre o tipo de vacina nin sobre o momento de recibir a mesma, senón que vén marcado pola Estratexia de Vacinación fronte a COVID-19 do Ministerio de Sanidade. 

De acordo co Plan Galego de Vacinación fronte á COVID-19, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia solicitamos á Consellería de Sanidade o inicio da vacinación dos/as profesionais da psicoloxía que non está exercendo en centros sanitarios.

Os psicólogos e psicólogas que actúan en ámbitos como o psicoeducativo, con necesidades educativas especiais, atención temperá, atención á discapacidade, violencia de xénero, ou os propios membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) que interveñen nas emerxencias en Galicia activados polo 112 a través dun convenio coa Xunta de Galicia, formaron parte ao longo de todos estes meses das profesións consideradas como servizos esenciais, polo que entendemos que debería iniciarse a vacinación deste colectivo.

Desde o COPG puxémonos a disposición da Consellería de Sanidade para realizar unha recollida dos datos, do mesmo modo que se realizou cos psicólogos e psicólogas que exercen en centros sanitarios privados.