AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O COPG reclama o perfil da psicoloxía educativa nos centros públicos de ensino

29/11/2017

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia mantivo unha reunión hoxe con representantes de partidos políticos autonómicos, así como dos principais sindicatos galegos, coa intención de trasladarlles a importancia de que o Pacto de Estado pola Educación que se está a elaborar recolla a figura do psicólogo ou psicóloga educativa en todos os centros de ensino, como un aspecto esencial para abordar múltiples problemáticas como o fracaso escolar ou o bullying.

Nesta xuntanza participaron por parte do COPG a decana, Mª Rosa Álvarez Prada, xunto co vicedecano e vogal da División de Psicoloxía Educativa do Consejo General de la Psicología (que agrupa a todos os colexios profesionais do ámbito a nivel estatal), Hipólito Puente Carracedo; así como a vicepresidenta da Sección de Psicoloxía Educativa, Ana María Ulloa Lage. Foron convocados os partidos con representación no Parlamento galego, asistindo polo Partido Popular César Fernández Gil; Luca Chao por En Marea e Olalla Rodil polo Bloque Nacionalista Galego. Por parte dos sindicatos, acudiron desde Comsións Obreiras Luz López Pérez, secretaria xeral da Federación de Ensino, e Verísimo Pazos Pereira, responsable de FP e ensinanzas de Réxime Especial e Redes Sociais da mesma federación; por UXT Paula Rodríguez Noya, da Federación de Empregadas e Empregados dos Servizos Públicos, mentres que a CIG estivo representada por Diego Boquete, secretario de Acción Sindical da CIG-Ensino.

A decana do Colexio sinalou que "por primeira vez, tentaremos chegar a un Pacto de Estado pola Educación, un dos alicerces máis esenciais do sistema público, no que se establecerán as bases estruturais do noso sistema educativo, e neste punto a psicoloxía ten un papel básico que non podemos permitir que pase desapercibido", asegurou Mª Rosa Álvarez Prada. Cuestións de total actualidade, como a elevadísima taxa de fracaso escolar, que se sitúa nun 22% no conxunto do Estado, duplicando a media europea; o acoso escolar, a violencia de xénero ou a adición ás novas tecnoloxías, preocupan tanto a profesorado, como ás familias e ao propio alumnado, que demandan poder recorrer á psicoloxía dentro da rede pública.

"O feito de que os centros de ensino non conten con atención psicolóxica non é só un síntoma de atraso, é unha inxustiza social. Non podemos comprender que os nenos e nenas non poidan ter acceso á atención psicolóxica de forma garantida na rede pública", sinalando que noutros países da nosa máis inmediata contorna, como Portugal, si que teñen esta figura nos seus centros de ensino.

Nesta xuntanza trasladouselle que o único perfil profesional que conta con coñecemento e saber profesional especializado á hora de abordar tanto a prevención como a intervención nas distintas problemáticas antes mencionadas e outras como a atención á diversidade, o TDAH, a violencia filioparental, problemas de conduta, ou as dificultades para impartir clase por parte do profesorado, así como asesorar e apoiar as familias, é o psicólogo ou psicóloga educativa. Dada a cantidade e a especificidade das problemáticas descritas, a formación, as competencias e as funcións dos/as orientadores/as actuais non poden dar unha resposta apropiada. 

Por iso, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclamouse a colaboración dos partidos políticos e dos sindicatos para que se defenda a inclusión do perfil de psicólogo ou psicóloga educativa nos debates da Subcomisión que está a traballar este Pacto de Estado pola Educación, e que no informe final se incorpore nos niveis educativos non universitarios (Infantil, Primaria e Secundaria).