1 de maio, Día Mundial da Saúde Mental Materna

1/5/2019

Dentro da atención á saúde mental, a saúde mental das mulleres non ten recibido una axeitada atención, debido aos sesgos de xénero e a unha visión androcéntrica da medicina e a psicoloxía, na que o perfil normativo sobre o cal se realizan os estudos é o masculino.

Dentro desta deficiente atención á saúde mental na muller, destaca sobremaneira a mirada ao coidado da saúde mental materna, a cal se ben é certo que está a recibir una certa atención crecente dende fai algúns anos, aínda non estamos cerca das necesidades reais.

Sabemos que o embarazo, parto e puerperio son momentos de crise vital para as mulleres, momentos que supoñen unha forte mobilización da súa psique. Tamén sabemos que ao redor dunha de cada cinco mulleres experimentará algún tipo de trastorno durante a xestación ou no puerperio, destacando a depresión ou a ansiedade; destas mulleres, máis dun 75% non son diagnosticadas nin reciben a atención axeitada, o que nos leva a atoparnos cunha situación que tenderá á cronicidade, tendo importantes efectos nas crianzas. De feito o estrés e a enfermidade mental materna poden interferir no axeitado desenvolvemento físico, cognitivo e emocional do/a bebé.

Máis dun 25% dos embarazos culminarán nun aborto espontáneo ou en morte fetal, creando un sentimento de perda, dor e culpa que pode levar a un dó complicado.

A magnitude da importancia do coidado da saúde mental materna, pode verse en cifras, xa que unha de cada 10000 nais  padecerá una psicose puerperal e o suicidio é una das principais causas de morte materna no primeiro ano tras o parto. Cifras estas que traemos coma exemplo para reclamar unha axeitada e actualizada atención á saúde mental materna.

Desde o ano 2016, diversas asociacións de países coma  Austria, Australia, Argentina, Canadá, Francia, Nueva Zelanda, Nigeria, Sudáfrica, Reino Unido e España, veñen reclamando e celebrando o Día Mundial Da Saúde Mental Materna No Primeiro Mércores De Maio. Un día que é necesario para:

  • Aumentar a sensibilidade social cara á enfermidade mental no período perinatal.
  • Para chamar a atención sobre a necesidade de formación axeitada por parte do persoal sanitario do campo perinatal .
  • Para promover a mellora da detección e tratamento.
  • Para rachar coa estigma social da enfermidade mental materna.
  • Para influír  nas políticas dos gobernos.

O grupo de traballo de psicoloxía perinatal do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia únese a estas reivindicacións, e anima a todas as persoas que formamos parte do noso colexio a adherirse; porque a saúde mental materna importa, porque coidando a saúde das nais coidamos a saúde das crianzas e da sociedade.