Actualización de normativa e outras informacións para o exercicio profesional da psicoloxía

10/5/2020

Xa tes á túa disposición a actualización da información para a práctica profesional actualizado coa publicación da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, do Ministerio de Sanidade, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da Fase 1 do Plan de transición cara a unha nova normalidade.

En relación cos equipos de protección individual (en adiante, EPIs), informamos de que temos solicitado desde hai varias semanas á Xunta de Galicia acceso a estes materiais para a nosa profesión e aínda non nolos facilitaron, aos que deberíamos engadir os custos de distribución para envialos aos centros de psicoloxía de toda Galicia.

Entre tanto, despois de avaliar distintas posibilidades, solicitamos aos Colexios Oficiais de Farmacia das distintas provincias colaboración para que poidas adquirir con facilidade e garantías este material. Actualmente, o prezo dos EPIs máis frecuentes (máscaras, hidroxel, luvas) está intervido polo Goberno, polo que están a prezos similares aos que ofrecían outros distribuidores aos que habería que incrementar o custo do transporte.

Consultados os colexios profesionais de farmacia, tamén nos indicaron que nas oficinas de farmacia se está producindo un subministro normal deste material, e que se por unha coincidencia, estivese esgotado, presentando o voso carné colexial darásevos preferencia na distribución por tratarse dunha profesión esencial.

Por outra banda tamén contactamos coas Cámaras de Comercio. Grazas á colaboración do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e a Cámara de Comercio de España podes acceder a unha plataforma de compra de material na que realizar os teus pedidos e recibir as ofertas de varios provedores. Podes rexistrarte de xeito totalmente gratuíto, e contactarás cunha serie de distribuidores do material que precises, con garantías de calidade e transparencia nos prezos, e realizar o pedido daquel material que precises.

Podes acceder a través de https://todosprotegidos.camara.es/

En relación cos EPIs, cómpre lembrar que corresponde á persoa empregadora a obriga de proveer unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo, e que se traballas por conta allea, este é un dereito básico e irrenunciable. Ben sexa a Administración pública, ou ben sexa o/a empresario/a, ten o deber de proveer ás súas persoas traballadoras dos equipos de protección individual que sexan adecuados e que garantan a súa seguridade e saúde, e mais dar a información e formación adecuada a este fin.

En caso de que o empregador non proporcione estes EPIs, pódese presentarse unha denuncia ante a Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

Así mesmo, o tipo de EPIs e medidas de seguridade e hixiene que deban ser adoptadas non é idéntica en todos os centros de traballo senón que deberán ser avaliadas polo servizos de prevención de riscos laborais.

Como orientación en canto a EPIs e outras medidas de seguridade e hixiene, podes consultar o documento "Procedimiento de actuación para los servicios de prevención de riesgos laborales frente a la exposición al SARS-CoV-2", elaborado polo Ministerio de Sanidade.

Recomendamos tamén o listado de produtos virucidas autorizados en España, elaborado polo Ministerio de Sanidade.

Finalmente, informamos de que dado o grave impacto económico que esta crise ten sobre todos os sectores da sociedade, tamén os centros de psicoloxía, desde a Xunta de Goberno do Colexio solicitóuselle á Xunta de Galicia e ao Goberno central que axilicen o pagamento das axudas aos profesionais que exercen por conta propia, e esixíronselle medidas de apoio económico para compensar a paralización da actividade así como os incrementos dos novos custos que debemos repercutir. Así o fixemos desde o COPG e a través de Unión Profesional de Galicia, que agrupa a máis de 40 colexios profesionais e do que o noso colexio forma parte.

Estase priorizando ofrecervos unha información rigorosa e actualizada en materia de axudas e de normativa. Ao longo desta emerxencia fomos informando puntualmente das medidas sanitarias que afectan ao exercicio da profesión de forma inmediata á súa publicación. Lémbroche tamén que continúa activo un servizo de terapia online gratuíto durante a emerxencia sanitaria (5 sesións diarias) dispoñible para todos os colexiados e colexiadas que o solicitaron, desde o día seguinte de decretarse o estado de alarma.

Así mesmo, informamos de que se constituíu un Grupo de Traballo Postemerxencia COVID-19 no que participan as seccións, comisións e grupos do COPG, para presentar un documento ao Goberno galego e trasladarlle a necesidade de atender o aspecto psicolóxico, desde os distintos ámbitos de intervención, na planificación tanto da desescalada que estamos iniciando como da nova normalidade.