Comunicado da decana do COPG

20/3/2020

Estimados compañeiros e compañeiras,

Seguro que é unha frase que escoitaches en multitude de ocasións esta semanas, pero non por repetido perde significado: estamos nun momento extraordinariamente difícil como sociedade, tamén para nós como profesionais da psicoloxía. Un momento excepcional, descoñecido, que nos xera unha morea de incertezas e que, malia a ser psicólogas e psicólogos, tamén nos sentimos afectadas emocionalmente. Todo parece indicar que quedan semanas por diante, desde as administracións advírtennos de que o máis difícil está por chegar, así que é un bo momento para demostrar o servizo que a Psicoloxía como disciplina científica pode prestar á sociedade nesta situación, comezando desde a nosa propia conduta individual. Teño o convencemento de que estaremos á altura do que nos demanda este momento.

Infórmovos de que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia nos puxemos á disposición da Xunta de Galicia, e estamos en contacto coa Consellería de Sanidade para abordar o plano psicolóxico tan importante que esta situación de emerxencia ten. Para nós isto é unha prioridade e actuaremos en total coordinación coa administración autonómica e estatal para colaborar no que sexa preciso.

Neste sentido, estamos a recibir moitos ofrecementos de compañeiras e compañeiros que vos ofrecedes voluntariamente a prestar apoio psicolóxico, un novo exemplo do lado máis solidario da profesión. Se desexas facelo tes á túa disposición un formulario na nosa páxina web (www.copgalicia.gal).

Estamos a colaborar con diversos colectivos profesionais que se ven sometidos a un elevado estrés a consecuencia desta emerxencia para poder ofrecerlles unhas pautas psicolóxicas. Enviamos unha serie de recomendacións a todos os centros educativos de Primaria e Secundaria dirixidas profesorado, alumnado e familias. Fíxose un vídeo de sensibilización e con pautas de autocoidado psicolóxico que xa superou as 6000 persoas alcanzadas e que recolleron en varios medios de comunicación. Todo isto estase a coordinar entre o GIPCE e as seccións do Colexio. 

Estamos a detectar un volume moi importante de demanda da asesoría xurídica, polo que se non consegues contactar no seu horario habitual, envíanos un correo electrónico co teu nome, número de colexiación e un teléfono de contacto, e porase en contacto contigo noutro momento de maneira telefónica.

Somos absolutamente conscientes do grave impacto económico que terá esta emerxencia sanitaria para todo o país, tamén para os psicólogos e psicólogas. Por iso estamos xestionándoo a través do Consejo General de la Psicología en coordinación con todos os colexios profesionais de psicoloxía do Estado, xa que se trata dunha emerxencia estatal. Sabemos que urxen as respostas, pero nunha situación como esta só debemos ofrecer información contrastada e verificada, sen caer en especulacións nin en opinións.

Cómpre lembrar que aínda non transcorreu unha semana desde a declaración do estado de alarma. A responsabilidade, a prudencia e a coordinación son as claves que guían a nosa actuación.

Quero agradecervos aos máis de 3.000 compañeiros e compañeiras que formades parte do Colexio de Psicoloxía. Neste momento, a psicoloxía demóstrase como unha das disciplinas científicas esenciais para o benestar da poboación, e así o estamos constatando polo elevado volume de demandas que estamos atendendo, tanto dende diversos colectivos como dos propios medios de comunicación. Desde a Xunta de Goberno estamos a traballar sen descanso para dar resposta ao que esta emerxencia sanitaria nos está plantexando, e crédeme que tamén nos preocupa a situación de moitos psicólogos e psicólogas.

E para rematar, permitídeme que faga un chamamento á serenidade, á calma e á solidariedade, porque esta emerxencia de saúde pública golpea con forza á nosa sociedade, e debemos lembrar que todo isto terá un fin, agardemos que o antes posible e cos menores danos. Estou convencida de que o noso comportamento será exemplar, así mo fai sentir a experiencia en situacións complicadas polas que xa tivemos que pasar desde este Colexio que teño o orgullo de dirixir.

Todos e todas estamos traballando xuntas nesta emerxencia: sigamos contribuíndo ao benestar da nosa poboación.

Unha forte aperta. 

Mª Rosa Álvarez Prada
Decana