AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

A crise e o traballo centra a vindeira xornada do Movemento Galego da Saúde Mental

9/10/2017

Este martes 10 de outubro, co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) organiza unha xornada na que a crise e o traballo serán os protagonistas. Comezará ás 17.30 horas e desenvolverase na Aula Castelao da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Contará cunha mesa que vinculará a enfermidade mental e crise e o traballo e estará moderada pola Secretaria Nacional CIG-Saúde, María Xosé Abuín Álvarez. Participará a coordinadora dos grupos de Dependencia de Saúde da Plataforma PROSERSO, Miriam Rodríguez Sierra, que abordará o tema dos profesionais nas institucións públicas para a integración social e laboral das persoas con discapacidade usuarias dos servizos de saúde mental; a psicóloga sanitaria e directora do CRPL e Servizos da Asociación de Apoio aos Enfermos Mentais “Albores” de Monforte, Elisa Sapia Rodríguez, quen centrará a súa intervención en traballo e saúde mental desde unha perspectiva da rehabilitación; e Bruno Casal Rodríguez, Profesor do Departamento de Economía da Facultade de Economía e Empresa da Universidade de A Coruña, quen tratará o tema de economía e saúde e como repercute no ámbito de adiccións e suicidios en tempos de crise. 

MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores, Lenda), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría, Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais, Asociación Galega de Pais e Nais Separados , Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTAGA) e Radio Promethea

 http://movementogalegosaudemental.gal/

https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental

https://twitter.com/MGSaudeMental