Declaración institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller

8/3/2021

Ás portas do aniversario do Estado de Alarma que nos introduciu de cheo na pandemia por coronavirus, este 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller, unha data cargada de simbolismo e de reivindicacións pola igualdade real, e que nesta ocasión vese atravesada polo insólito contexto da emerxencia sanitaria en que nos atopamos. 

O COVID-19 non só volveu as nosas vidas do revés, senón que sacou á luz desigualdades enquistadas na nosa sociedade que non resultaban tan evidentes. A pandemia demostrou a dependencia que como comunidade temos das mulleres, tanto nos servizos esenciais (segundo o Instituto Nacional de Estatística, xa hai máis mulleres médicas que homes, e en profesións como a psicoloxía ou a enfermería, a proporción supera o 80%), como no ámbito do fogar (os coidados non remunerados continúan recaendo maioritariamente sobre as mulleres). 

Entre as consecuencias da pandemia, evidenciáronse as desigualdades estruturais da nosa sociedade en todos os ámbitos: económico, sanitario, de protección social… E as restricións supuxeron unha grave ameaza para os dereitos das mulleres, conquistados con gran esforzo pero que se demostraron extraordinariamente fráxiles. 

Os fogares, nos que tivemos que encerrarnos durante meses e nos que aínda continuamos pasando moitas máis horas do habitual, non son espazos seguros para as mulleres afectadas pola violencia de xénero. Non se pode ignorar que, segundo a Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019, en España preto de 2.200.000 mulleres afirmaban sufrir algún tipo de violencia por parte da súa parella ou ex parella no último ano: hai miles de fogares nos que a consigna “queda na casa” implica un maior risco de sufrir violencia, tanto para as mulleres como para os seus fillos e fillas. 

Varios estudos científicos conclúen que as mulleres sofren unha deterioración da súa saúde mental no contexto da pandemia, presentan unha maior tensión e máis trastornos depresivos ou de ansiedade, como consecuencia da contorna laboral e as cargas derivadas dos roles de xénero, como os coidados, tamén os emocionais. 

As medidas restritivas, os peches dos centros educativos, dos centros de día e outros recursos asistenciais para o coidado e a atención a nenos, nenas, adolescentes e persoas dependentes, recortou tamén os dereitos das mulleres, xa que é nelas en quen máis recaen os coidados. Cando desaparecen os servizos públicos, as mulleres son as grandes perdedoras que renuncian á súa actividade profesional total ou parcialmente (a través de reducións de xornada, con traballos máis precarios e peor remunerados) para prestar os vitais coidados aos fillos e fillas e a persoas dependentes. Se antes da pandemia, as mulleres asumían máis do dobre do traballo de coidados non remunerado, esta cifra é previsible que crecese nos últimos 12 meses. Este labor esencial é un impulsor de desigualdade, ao non ser asumida cunha distribución equitativa, e está estreitamente relacionada con outras cuestións como a fenda salarial, ou a carga mental, coas súas importantes repercusións a nivel psicolóxico. 

Na importante tarefa que temos por diante de reconstrución social e económica, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia consideramos imprescindible que as administracións incorporen a perspectiva de xénero para corrixir as graves repercusións que a COVID-19 tivo sobre as mulleres. A violencia de xénero e a repartición equitativa e corresponsable dos coidados; pero tamén propiciar a participación das mulleres neste proceso pode ser unha importante oportunidade para que esta terrible vivencia non supoña un retroceso nos dereitos das mulleres, senón todo o contrario. Un camiño cara á igualdade real. 

8 de marzo de 2021