Declaración Institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

24/11/2022

Este 25 de novembro falaremos, de novo, de violencias machistas, pero é imprescindible lembrar que non é cuestión dun día, senón que cada día, sen excepción, prodúcense agresións machistas. Son boa proba diso as páxinas dos xornais, que se converten nun triste rexistro das distintas formas e intensidades en que se produce esa violencia. Cada hora, no noso país póñense 18 denuncias. E cada catro horas, denúnciase unha violación.

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia manifestamos o noso total rexeitamento contra calquera forma de violencia psicolóxica, física ou sexual exercida contra as mulleres, e trasladamos a nosa solidariedade e afecto ás familias e seres queridos das 38 mulleres asasinadas pola súa parella ou exparella no que vai de ano, 1.171 desde 2003.

É necesario reflexionar sobre a relevancia que, no momento actual, teñen as noticias sobre este problema estrutural en espazos informativos dos medios de comunicación. A violencia contra as mulleres dada a súa frecuencia xa non é excepcional  nos informativos e deixa de ter a relevancia que merecería. Só cando o nivel de violencia nas agresións é extremo consegue atraer a atención da cidadanía. Pero custa obter información de contexto, que relacione estas agresións con outros temas como a reprodución das condutas e crenzas machistas nas xeracións máis novas.

A cultura en que continuamos educando a nenos e nenas, adolescentes e mozas xera desigualdade e violencias que provocan que a metade da poboación teña menos oportunidades e un maior nivel de risco ao longo de toda a súa vida. Segundo o INE, o grupo de idade no que máis aumenta a violencia na parella é o de menores de 18 anos, un 73 % máis. O Fiscal Xeral do Estado, cando presentaba os datos da Memoria anual da Fiscalía de 2021, chamaba a “unha reflexión como sociedade”, diante datos como que os abusos e agresións sexuais labores por mozos menores de 18 anos creceron un 58 %. Se observamos a tendencia nos últimos 5 anos, o incremento é dun 207 %. A propia Fiscalía alertaba da banalización das relacións sexuais entre adolescentes, as condutas altamente sexualizadas a idades cada vez máis temperás e un acceso á pornografía a curta idade.

Estas son as consecuencias penais da cultura da violación que continúa plenamente asentada entre moitos dos adolescentes e mozos. A violencia sexual é unha das manifestacións de violencia contra a muller máis estendida e normalizada. De feito, o terror sexual tivo unha forte visibilización este verán, cando unha onda de picadas a mulleres novas en lugares de lecer nocturno creou un contexto no que as mozas se viron expulsadas, de novo, do espazo público, cunha ameaza (real ou non) que as atemorizaba.

No Barómetro Mocidade e Xénero de 2021, que publica o Centro Reina Sofía, sinalábase unha mocidade fortemente polarizada, en que os mozos manifestan unha menor toma de conciencia das desigualdades de xénero; unha tendencia iniciada en 2019 e que agora se agudiza. É lóxico, porque desde a cultura do privilexio é difícil identificar tal fenda, pero, ademais, o contexto social e político favorece discursos que esvaecen as violencias machistas e as desigualdades estruturais. Un ataque contra o movemento feminista que termina, en consecuencia, fortalecendo os valores tradicionais da sociedade patriarcal.

O machismo evoluciona e adáptase aos cambios sociais; por iso, necesitamos actuar no terreo preventivo, desmontar as crenzas, prexuízos e estereotipos que sustentan a cultura patriarcal. Só indo á raíz poderemos actuar para previr comportamentos e condutas que continúen engrosando sentenzas como as que refería a Fiscalía Xeral do Estado.

A psicoloxía, como ciencia dedicada á conduta humana e ás emocións, é imprescindible no camiño cara á igualdade real e cara á sociedade do bo trato na que todas e todos desexamos vivir. Por iso, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclamamos que se traballe co 100% dos nenos nenas e adolescentes deste país. a través dos centros educativos, con intervencións psicolóxicas enfocadas á sensibilización en materia de igualdade, de relacións sexuais e afectivas e de prevención e detección de violencia de xénero

A preocupación pola transmisión e repetición da cultura machista nas xeracións máis novas non é suficiente: necesitamos pasar á acción, con medios e profesionais, para promover unha transformación real.       

 

         

Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

25 de novembro de 2022