AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

Declaración Institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con Motivo do Día Internacional da Muller

7/3/2019

Neste 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia desexa trasladar o seu total compromiso para desterrar a histórica desigualdade de xénero entre homes e mulleres que, malia os avances conseguidos, continúa a ser patente. Unha desigualdade que ten a súa manifestación máis extrema na violencia e nos asasinatos contra as mulleres, que desde esta corporación condenamos, á vez que trasladamos a nosa solidariedade e afecto a todas as vítimas que padecen esta lacra e as súas persoas achegadas.

Hai exactamente un ano, miles de mulleres botáronse ás rúas de todo o país nunha xornada de mobilización histórica e que tivo unha gran repercusión internacional, reclamando a fin das desigualdades por razón de xénero. Hoxe, 365 días despois, podemos considerar que o maior logro de aquel clamor colectivo foi o de situar na axenda política e social as discriminacións que continúan padecendo as mulleres.

Ademais da violencia de xénero que mencionabamos anteriormente, comprobamos como os coidados continúan a recaer esencialmente nas mulleres, cun 90% das excedencias laborais por este motivo. O desemprego continúa a superar o masculino, a porcentaxe de conselleiras e de directivas nas empresas españolas segue estancada, a fenda salarial mantense e as pensións das mulleres son significativamente menores. A pobreza e a vulnerabilidade, pois, teñen rostro de muller.

Desde esta corporación de dereito público alertamos do risco de retroceso social que supón naturalizar estas desigualdades por motivos de xénero, que ademais se agravan cando se suman outras vulnerabilidades, como as situacións de risco de exclusión social, as discapacidades, as migracións etc.

Así mesmo, ante o recente cuestionamento ao labor dos e das profesionais da Psicoloxía que traballan no ámbito da violencia de xénero, amosamos o noso máis fondo rexeitamento a esta actuación e manifestamos a nosa defensa da independencia do seu exercicio e da súa boa práctica profesional. Este tipo de actuacións perseguen a negación da existencia de violencia de xénero.

Obviar a desigualdade entre mulleres e homes, e a súa expresión máis cruenta, a violencia de xénero, é unha forma de agresión aos dereitos humanos que, como sociedade democrática e desenvolvida, é absolutamente inadmisible. O labor que desempeñan os e as profesionais nos servizos públicos de cara á prevención, á sensibilización, á detección e á protección en violencia de xénero é fundamental no camiño para conseguir a igualdade real e efectiva.