Día Internacional de Prevención do Suicidio

10/9/2021
Coincidindo co Día Internacional de Prevención do Suicidio, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia insistimos na necesidade de pór en marcha estratexias eficaces que reduzan o número de mortes por suicidio na nosa Comunidade, na que en 2020 un total de 307 persoas faleceron por esta causa, segundo a Memoria do Imelga.
 
Isto é unha taxa de 13 por 100 mil habitantes, moi superior á española, só por debaixo de Asturias. 
 
No conxunto do Estado morren cada día 10 persoas por suicidio. Unha cada 2,5 horas. No mundo, unha cada 40 segundos, o tempo que vas tardar en ler esta noticia.
 
Sen dúbida, estamos ante un grave problema de saúde pública que deixou, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE, 2019), 3.271 falecidos no noso país e que demanda solucións inmediatas.
 
Trátase da primeira causa de morte non natural en España, superando dúas veces ás mortes por accidentes de tráfico, 13 veces ás producidas por homicidio e case 70 veces ás ocorridas en asasinatos por violencia de xénero.
 
O problema non finaliza aquí. Sábese que as mortes por suicidio son superiores ás que se rexistran oficialmente, que se producen 20 intentos por cada suicidio e que cada consumación ou tentativa afecta, de media, a entre 6 e 10 persoas da contorna, xa sexa a familia, a parella ou os amigos.
 
É, por tanto, un asunto moi preocupante que, probablemente, púidose  ver agravado coa crise xerada pola Covid-19 e o impacto que esta está a ter na saúde mental da poboación.
 
O tráxico é que a maioría destas mortes podería evitarse. Dan testemuño diso os resultados das políticas e plans de prevención que se están levando a cabo en países como Australia, Irlanda ou Escocia, nos que, tras a súa implementación, descenderon as taxas de suicidio.
Se as estratexias de prevención e asistenciais son eficaces, por que segue sen desenvolverse en España unha Lei Nacional de Prevención do Suicidio? Que frea os lexisladores para poñerse ao traballo?
 
Aínda que é un problema  multicausal e complexo, unha parte da resposta atópase  no feito de que segue sendo un tema tabú e sobre o que existen moitos mitos. Entre outros, hai un temor estendido e completamente infundado a que nomear o suicidio o atraia ou o provoque. A evidencia móstranos xusto, o contrario: se algo pode contribuír a que non se produza un suicidio é, precisamente, darlle voz á persoa que llo expón, poñerlle palabras ao sufrimento que hai detrás e xerar os espazos necesarios para que atope alternativas e saiba o que lle está sucedendo. Aquilo do que non se fala, non existe. Se algo non forma parte da conversación, se non se comprende o seu transfondo, é invisible e non se atende. 
 
Desde hai anos, a través do Consejo General de la Psicología, vimos insistindo, fronte ás diferentes autoridades sanitarias, na necesidade de deseñar e implementar unha estratexia multidisciplinar e coordinada para a prevención do suicidio, que ofreza unha resposta integral e que dea conta da natureza  multicausal dos comportamentos suicidas. Calquera resposta a un problema tan complexo debe, necesariamente, prestar atención á prevención, a intervención e a  posvención e considerar, polo menos, a dimensión social, clínica e cultural das condutas suicidas. 
 
No Día Internacional de Prevención do Suicidio é imprescindible abrir a conversación para que deixe de ser unha das materias pendentes da sanidade en España. 
 
Se previr o suicidio é posible, fagámolo posible.