Día Mundial da Saúde Mental Materna

6/5/2020

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través do Consejo General de la Psicología, únese á campaña internacional para declarar o primeiro mércores do mes de maio como “Día Mundial da Saúde Mental Materna”. Iniciativa que parte de numerosas organización de países como Alemaña, Austria, Australia, Arxentina, Canadá, Estados Unidos, Francia, Malta, Nova Zelanda, Nixeria, Reino Unido, Sudáfrica, Turquía e España, entre outros.

O día Mundial da Saúde Mental Materna busca sensibilizar a poboación mundial acerca da importancia da Saúde Mental Materna e as súas consecuencias para o benestar social. Para iso é necesario mellorar os recursos destinados por gobernos á prevención, á detección e ao tratamento dos trastornos mentais durante o embarazo e o primeiro ano tras o nacemento, é dicir, previr os trastornos mentais perinatais. É importante para cumprir con esta necesidade dotar os servizos de Saúde Mental públicos de profesionais de Psicoloxía Perinatal para atender a nivel psicolóxico esta etapa da vida tan crucial para un desenvolvemento psicolóxico san e previr os trastornos mentais. O coidado psicolóxico é tan importante como o coidado físico, polo que as nais necesitan tamén unha atención psicolóxica durante o embarazo, o parto e o postparto.

Esta campaña xorde para visibilizar esta problemática, para combater o estigma social e para mellorar a detención e o tratamento da saúde mental perinatal, para o que é necesario dotar de máis recursos á atención da saúde Mental Materno-infantil.

A prevalencia de é de 2/10, 2 de cada 10 mulleres van desenvolver problemas de saúde mental durante o embarazo e un ano despois do parto.

Outro dato significativo é o custo que supón non actuar sobre este problema de saúde, que supón un custo 5 veces maior a medio e longo prazo que se se atendese preventivamente.

É importante resaltar tamén que o 75% dos casos non se diagnostican, por tanto, tampouco se tratan.

A Saúde Mental das nais é necesaria para o desenvolvemento e crecemento dos fillos e fillas. As mulleres poden experimentar niveis altos de ansiedade fronte aos numerosos cambios vitais do embarazo e o postparto. Unha de cada 5 mulleres vai padecer unha depresión postparto. Ademais doutros trastornos como ansiedade, psicose puerperal, trastornos da alimentación, tocofobia, Trastornos de Éstres Postraumático, entre outros, podendo desencadear nun suicidio e/ou infanticidio.

A tensión e a enfermidade mental materna durante o embarazo, o parto e o postparto poden afectar directamente o bebé impactando sobre o seu desenvolvemento físico, cognitivo e emocional, non só nestas etapas temperás, senón tamén ao longo de toda a súa vida, xa que estas experiencias temperás poden condicionar un desenvolvemento san da personalidade. A atención e os coidados cara á saúde mental da nai é unha necesidade para que as mamas e a familia poidan ampliar os seus recursos e capacidades persoais, adaptarse mellor á nova etapa e facilitar o vínculo co bebé. Coidar a saúde mental das nais é un apoio non só para as familias tamén supón mellorar a saúde da sociedade actual e futura.