Información de interese sobre o número de colexiado e centros sanitarios

6/3/2023

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia queremos lembrarche todo o valor que está detrás do teu número de colexiación, que te identifica, e vai máis alá dos dereitos, servizos e outras achegas  coas que contas polo feito de estar colexiado/a.

A defensa da profesión e a loita contra o intrusismo son un dos obxectivos fundamentais desde o COPG; tanto que contamos coa Comisión para a Defensa da Profesión que ten como principal obxectivo fomentar e potenciar o recoñecemento da psicoloxía como profesión necesaria na sociedade, así como apoiar o emprendemento de accións legais contra o intrusismo profesional das pseudoterapias, pseudociencias, así como dos e das profesionais que exercen sen a colexiación obrigatoria. Estamos a traballar en campañas de difusión para chegar mellor á sociedade, que comprenda a nosa profesión e a súa utilidade para o benestar das persoas.

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que contas coa titulación e cos requisitos legais para exercer como psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Animámosche a que non esquezas o valor do teu número de colexiado ou colexiada: faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións por enderezo postal ou electrónico, nos teus soportes publicitarios... É o mellor aval que tes para presentarte como profesional diante da sociedade.

Temos tamén que informarche que desde a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia trasladan que están a detectar centros sanitarios autorizados nos que realizan a súa actividade psicólogos e psicólogas sanitarias, nos que non se está a facer constar o número de rexistro outorgado pola devandita autoridade sanitaria ao conceder a autorización sanitaria do centro, no local ou na publicidade que difunden.

O Decreto 12/2009, de 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, establece en varios lugares o requisito de identificación, mediante o número de rexistro, tanto no local, mediante a disposición dun rótulo no acceso ao edificio ou local, no que se identifique como mínimo, de modo visible e permanente, o nome do centro, o número de  rexistro sanitario e a oferta asistencial (Anexo II.1), como nas comunicacións, publicidade e noutros documentos de transcendencia sanitaria (artigo 3.e e 26.2). O incumprimento desta normativa constitúe unha infracción administrativa que pode dar lugar, previa instrución do oportuno expediente, á correspondente sanción.

É por isto que lembramos que, co obxectivo de actuar en beneficio da protección dos intereses das persoas usuarias, se debe facer constar o número de rexistro sanitario outorgado nos carteis e/ou placas identificadoras nos escaparates, fachadas, portais e portas dos centros sanitarios autorizados, así como na publicidade a través de folletos, xornais, páxinas web, guías de seguros médicos, etc.

Lembra: Identificármonos co número de colexiación e, no seu caso, co rexistro de centro sanitario é unha obriga, pero tamén, e sobre todo, contribúe á visibilizarnos como profesionais.