AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

Información relativa á actual convocatoria de axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

24/8/2018

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia mostramos a nosa inquedanza, rexeitamento e oposición á actual convocatoria de axudas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para o curso académico 2018-2019.

Xa van tres anos en que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia se está a loitar por unha modificación substancial das mesmas. Na convocatoria do 2016-2017 excluíronse nas bases reguladoras os psicólogos e psicólogas como profesionais idóneos para a realización da reeducación pedagóxica e as axudas en audición e linguaxe, corrixido posteriormente tras a presentación por parte do Colexio de Psicoloxía dun recurso extraordinario de revisión.

Nos últimos anos por parte deste Colexio estamos a ver como en cada convocatoria se restrinxe máis o acceso por parte do alumnado a este tipo de axudas, imprescindibles non só para os beneficiarios da axuda, senón para as súas familias e para a sociedade no seu conxunto, pois xa está máis que demostrado que na maioría dos supostos se produce unha melloría significativa na problemática que presentaba o alumnado, incluso danse moitos casos de altas definitivas, é dicir, alumnado que ao facer uso desta axuda xa non precisan renovar para o curso seguinte as becas, por haber obtido a melloría satisfactoria.

Consideramos que a convocatoria desvirtúa o que consideramos que debe ser a finalidade destas bolsas, pois vai contra os principios educativos de inclusión, equidade e igualdade, o apoio educativo a aquel alumnado nos que os servizos públicos poden ser insuficientes (atopámonos con centros nesta Autonomía onde só hai un orientador/a para máis de 800 alumnos/as) e onde este tipo de alumnado necesita un apoio máis específico, máis concreto e individualizado.

Lendo as bases só se convocan para alumnado, incluíndo aos afectados por TDAH que requiran por un período da súa escolarización ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta. A vía para demostrar tal circunstancia requírese un certificado de discapacidade ou dun equipo de valoración e orientación dependente da administración educativa correspondente.

Pero como profesionais expertos que somos en alumnado con necesidades educativas especiais queremos manifestar o seguinte:

- En primeiro lugar, segundo o Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais (DSM-V) o trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH) é un patrón persistente de inatención e/ou hiperactividade-impulsividade que interfire co funcionamento ou co desenvolvemento. En canto ao diagnóstico diferencial entre discapacidade e TDAH podemos referir que o TDAH diagnosticado como grave pode xerar un deterioro notable no rendemento escolar, social e laboral da persoa, e polo tanto xera, de por si, unha discapacidade, sexa ou non concedida por outro organismo administrativo.

- O TDAH non vén derivado tampouco dunha discapacidade ou dun trastorno grave de conduta. O TDAH é un trastorno, grave nalgúns supostos, con entidade propia e independente dos demais, é dicir, constitúe un trastorno por si mesmo. E nalgúns casos, pode xerar trastorno grave de conduta, como un dos seus síntomas, pero nunca á inversa: o TDAH non se produce ou non é unha consecuencia da discapacidade.

- Existen ademais múltiples trastornos que sofre o alumnado que non xeran discapacidade ou trastorno grave de conduta (dislexia, dislalia, autismo...) e son olvidados nas bases.

Entendemos que o TDAH debe considerarse incluído segundo os criterios establecidos, posto que é un trastorno que con tratamento mellora notablemente o rendemento e o comportamento no eido educativo, finalidade última deste tipo de becas. A exclusión deste tipo de trastorno levará a estes nenos e nenas irremediablemente á persistencia dos seus síntomas e como consecuencia poden sufrir baixa autoestima,  frustración e  fracaso escolar.

Tamén entendemos que deben engadirse outros trastornos ou déficits que non teñen por que vir derivados dunha discapacidade (ou creala) ou derivar dun trastorno grave de conduta.

Por todo o anterior, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia a través da súa Sección de Psicoloxía Educativa, reivindica que o alumnado con TDAH diagnosticado como grave entre a formar parte do perfil do alumnado solicitante destas becas, así como todos os trastornos e déficits que os equipos de orientación e valoración dependentes da Xunta de Galicia así o consideren.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2018