Información sobre os dispositivos de atención psicolóxica do COPG e do Consejo General de la Psicología

3/4/2020

Primeiramente, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia desexamos trasladar todo o noso afecto e solidariedade coas persoas que perderon algún ser querido nesta emerxencia sanitaria, ou que teñen a persoas próximas enfermas, e tamén a todas aquelas que por diversos motivos, se atopan en situación de soidade neste momento.

Nesta emerxencia sanitaria, o impacto psicolóxico é innegable, para a poboación en xeral, pero tamén para certos colectivos especialmente. Estámolo comprobando no Colexio, onde moitos se están dirixindo para atender as súas necesidades e atopar respostas, pautas e indicacións para unha situación inédita.

Por iso, desde o comezo desta situación vimos instando á Administración a que se atenda adecuadamente esta situación. Esta semana, a través do Consejo General de la Psicología mediante un convenio co Ministerio de Sanidade do Goberno Central púxose en marcha un servizo de atención psicolóxica telefónica dirixido ao conxunto do Estado, coas seguintes liñas de intervención:

  • Poboación xeral con dificultades relacionadas coa alerta e a corentena por coronavirus: 91 700 79 88
  • Familiares de persoas enfermas ou falecidas por coronavirus: 91 700 79 89
  • Profesionais sanitarias/os e outras intervenientes que precisen de apoio psicolóxico: 91 700 79 90

Ademais deste servizo, desde o Goberno central instouse ás autonomías a que implementen servizos similares nos seus territorios.

Hoxe, no Consello da Xunta de Galicia aprobouse a posta en funcionamento dun dispositivo de atención psicolóxica telefónica as 24 horas do día en Galicia para atender esta emerxencia sanitaria a través do 112 atendido polos psicólogos e psicólogas sanitarias e clínicas do GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, con que xa se viña mantendo un convenio para atender as emerxencias en Galicia.

Este dispositivo actuará en estreita coordinación cos psicólogos e psicólogas clínicas do Sergas para derivar aquelas persoas que requiran dunha atención psicolóxica especializada, propia do ámbito da Psicoloxía clínica.

Sabemos que tamén en moitos concellos e servizos se están poñendo dispositivos de atención psicolóxica dirixida a atender esta emerxencia, e é máis que probable que na vosa práctica profesional a pandemia teña un impacto, na actualidade ou proximamente. Desde o Colexio, fixemos unha recompilación de materiais dispoñibles na web, os elaborados desde o COPG así como doutras comunidades: https://copgalicia.gal/novas/xeral/materiais-e-recursos-utiles-desde-psicoloxia-con-motivo-da-emerxencia-sanitaria

Así mesmo, o Consejo General de la Psicología creou un repositorio de documentación e material útil para o contexto da intervención en emerxencia, podes acceder a través deste enlace: https://www.cop.es/index.php?page=GT-AreaPsicologicaEmergenciasCatastrofes-Documentacion 

 

Aproveitamos para agradecervos o voso compromiso e apoio ao traballo que estamos a desenvolver desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Nunha situación tan extraordinaria, que está a supoñer moito sufrimento para moitas persoas, a psicoloxía é unha das disciplinas científicas esenciais para o benestar e a saúde das persoas. Cada unha e cada un de nós, como profesionais responsables, estamos contribuíndo nesta emerxencia; teño o convencemento de que as psicólogas e psicólogos galegos estaremos á altura das esixencias desta situación.