AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

Listaxe de psicólogas e psicólogos para un servizo de quenda de garda psicolóxica especializada e permanente para mulleres e fillos e fillas menores que sofren violencia de xénero en Galicia

9/10/2018

A Xunta de Galicia está a tramitar un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a posta en marcha dun servizo de quenda de garda psicolóxica especializada e permanente para mulleres e os seus fillos e fillas menores que sofren violencia de xénero en Galicia.                               

Desde o COPG abrimos un prazo para elaborar a listaxe para o seu funcionamento. 

De acordo co convenio, os criterios para formar parte son: 

  • Ser psicólogo ou psicóloga colexiada e estar ao corrente do pago das cotas colexiais.
  • Ter acreditada formación especializada nas seguintes áreas: na área de xénero, violencia de xénero con mulleres e menores (mínimo de 120 horas), intervención en crise dentro do contexto das emerxencias (mínimo de 40 horas) e na área da psicoloxía xurídica e forense (mínimo de 40 horas). Esta formación ten que ser xustificada documentalmente, non computable a cursada na Licenciatura ou Grao de Psicoloxía, e deberá proceder da formación regrada, asistencia a xornadas e congresos e/ou impartición como docente de formación nas áreas citadas.
  • Contar cun mínimo de experiencia profesional acreditada de tres anos en ámbitos de similares características, non sendo computadas horas de prácticas nin voluntariado.
  • Estar en disposición de poder facturar ou declaración xurada de estalo en caso de incorporación á listaxe que se confeccione para a quenda de garda psicolóxica especializada e permanente.
  • Ter contratado un seguro de responsabilidade civiI profesional ou declaración xurada de estalo en caso de incorporación á listaxe que se confeccione para a quenda de garda psicolóxica especializada e permanente.
  • Compromiso de dispoñibilidade de intervención no/s partido/s xudicial/ais ao/s que se adscriba.
  • Compromiso de asistencia as actividades específicas organizadas polo servizo.
  • Non ter sido sancionado/a deontoloxicamente nos últimos doce meses anteriores á entrada en vigor deste convenio.
  • Certificado de delitos de natureza sexual. 

As persoas interesadas en formar parte da listaxe inicial deberán presentar ata o 18 de outubro a seguinte documentación: 

  • Solicitude segundo modelo dispoñible no seguinte enlace: https://copgalicia.gal/pdf/impreso-de-solicitude 
  • Declaración responsable onde conste relación dos méritos que desexe facer constar; no caso da formación farase expresión das horas de duración así como a entidade que a impartiu.
  • Copia dixitalizada dos méritos a ter en conta (formación e experiencia profesional). En caso de que esta información xa fose presentada con anterioridade no rexistro do COPG para outros procedementos, non é preciso entregala de novo sempre que se indique a que procedemento corresponde. 

En caso de cumprir cos requisitos, pasarase a formar parte da listaxe que se ordeará de acordo co rexistro de entrada da solicitude no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. En caso de ser rexeitada, dispós dun prazo de 10 días desde a comunicación da resolución para subsanar a túa solicitude. Durante a vixencia do convenio e en caso de renovalo para 2019, poderás presentar a solicitude para a incorporación ao mesmo en calquera momento. 

Unha vez que o/a psicólogo/a entre a formar parte da listaxe de quenda de garda de psicólogos/as asinará un compromiso de aceptación das normas de funcionamento da lista, así como do compromiso de actuación e, tras recibir unha formación inicial, poderá recibir derivacións. 

O servizo activarase en posibles situacións de urxencia a demanda das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado radicados en Galicia, Policía Autonómica ou Policía Local de Galicia, e prestarase no lugar requirido pola entidade derivante. A remuneración será de 60 euros por hora de intervención. 

A partir do 24 de outubro, previos os trámites oportunos, crearase a listaxe inicial, notificarase a resolución a través de correo electrónico a cada psicólogo ou psicóloga solicitante e publicarase na páxina web do COPG www.copgalicia.gal a relación nominal e colexial dos mesmos.