Máis de 120 psicólogos/as analizan os recursos da atención á saúde mental da infancia e a adolescencia nunhas xornadas en Pontedeume

16/11/2022

Entre o xoves 17 e o sábado 19 de novembro, máis de cento vinte psicólogos e psicólogas participarán na XXVII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia en Pontedeume, no Espazo +60 de Afundación. Nesta ocasión céntranse na atención á saúde mental da poboación infantil e adolescente, dado que é unha das etapas evolutivas que se viu máis afectada polas limitacións que implicou a pandemia.

Infancia e adolescencia: coidar a súa evolución, evolucionar no seu coidado”, é o título desta edición, que se propuxo partindo do incremento das demandas de atención de saúde mental na poboación infanto-xuvenil. O programa busca abordar esta demanda, especialmente polo incremento rexistrado dos trastornos de alimentación, da conduta autolesiva e suicida nestas idades, así como o uso abusivo das redes sociais.

O foco é amplo, xa que nas distintas mesas e conferencias falarase da familia e da relación cos demais rapaces e rapazas da súa idade, así como do contexto escolar-académico, para facer unha aproximación sobre se os recursos actuais están adaptados para dar resposta a estas problemáticas emerxentes tras a pandemia. Unha ducia de relatores e relatoras de recoñecida traxectoria, tanto a nivel galego, como doutros territorios do Estado, achegarán a súa experiencia profesional e investigadora nas principais problemáticas que afectan a saúde mental da rapazada.

“A preocupación pola saúde mental da poboación moza estase traducindo nun incremento dos plans, pero falta por ver se se acaban plasmando en accións concretas”, explica Manuel Castro Bouzas, presidente do Comité Científico das XXVII Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG. Neste sentido, destaca a importancia de que se incrementasen as prazas de formación especializada, non só das PIR, na última convocatoria. Asemade, afondar nun mellor atención pode pasar pola aposta pola creación dunha especialidade en psicoloxía clínica infanto-xuvenil, como se exporá nunha mesa na sesión do sábado 19.

O xoves 17 comezará ás 17h con dous obradoiros, un impartido polo psicólogo clínico Francisco Villar, creador e coordinador do Programa de Atención á Conduta Suicida do Menor do hospital Sant Joan de Deu, de Barcelona; e un segundo sobre o impacto na poboación infanto-xuvenil dos usos e abusos das pantallas, por parte do psicólogo clínico e profesor da Universitat Oberta de Catalunya José Ramón Ubieto.


Un completo programa
A conferencia inaugural o venres 18 ás 10.00h será impartida polo psiquiatra Federico Menéndez Osorio, que reflexionará sobre o lugar do neno nos coidados psíquicos. De seguido, será a quenda dunha mesa sobre o malestar e as demandas da adolescencia, na que intervirá de novo Francisco Villar Cabeza sobre a conduta suicida; seguido da psicóloga clínica Olaia Carrera Guermeur do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, que achegará as novidades na abordaxe da crecente demanda de casos de a anorexia nerviosa; e que pechará o tamén psicólogo clínico Ricardo Fandiño, sobre a exposición e intervención nas redes.

A expresión do malestar infantil no contexto familiar, e como intervir nunha dinámica que resulta crucial para os máis pequenos será abordado polo Director da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar da Universidade da Coruña, Valentín Escudero Caranza, na mesa da tarde do venres. Nesa mesma mesa intervirá de novo José Ramón Ubieto, nesta ocasión sobre como ler a saúde mental na era dixital; e pechará Manuel Armas, psicólogo e coordinador do Equipo de Orientación Específica da Coruña da Consellería de Educación, analizando a influencia dos espazos educativos 

A xornada do sábado 19 comezará debatendo como mellorar os recursos existentes: a psicóloga clínica do Hospital Germáns Trías i Pujol, Gloria Bellido, reflexionará sobre a necesidade dunha especialidade en psicoloxía clínica infanto-xuvenil; mentres que a súa colega Patricia Guerra, do Servicio Asturiano de Saúde tratará a identidade trans na infancia e na adolescencia; e pechará a tamén psicóloga clínica do Hospital de Día Infanto-Xuvenil de Vigo, Antía Casas, que explicará os primeiros pasos deste servizo.

A conferencia de clausura será impartida por José Leal Rubio, psicólogo clínico, psicanalista e consultor e supervisor clínico e institucional, que proporá unha “psicoloxía nómade” en distintos contextos que permita construír desde e coa comunidade.

Como é tradición nas Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde, presentarase o novo número do Anuario da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, ademais de reservar un espazo para as comunicacións libres e pósteres, que foron remitidas polos colexiados e colexiadas nas que se trate calquera temática relacionada coa psicoloxía clínica ou da saúde. As mellores, tanto en formato oral como escrito, recibirán un bono formación por valor de 200 euros.

As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico-profesional de maior antigüidade organizado polo COPG, desde as primeiras celebradas en 1996, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde, así como promover a actualización científico-técnica en materias específicas. Esta iniciativa vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar.

Programa
Nota de prensa