AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O 21 de setembro celebramos "Achegas da Psicoloxía"

16/9/2018

No Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia creamos en 2009 o acto "Achegas da Psicoloxía", un encontro anual para todas as persoas colexiadas no que realizamos a entrega do noso galardón máis importante: o Premio Dolores Llópiz «Psicoloxía e Sociedade».

Este recoñecemento creouse para distinguir a persoa, a institución ou a asociación pola súa contribución ao desenvolvemento da psicoloxía en calquera dos seus eidos.

O vindeiro 21 de setembro celebraremos o acto "Achegas da Psicoloxía" en Santiago de Compostela. Faremos entrega do premio "Dolores Llópiz, Psicoloxía e Sociedade", que este ano 2018 recae en Amelia Valcárcel Bernaldo de Quirós, polo seu papel como "mestra" da teoría política feminista na nosa sociedade, sen perder de vista outras realidades moito máis duras no planeta. Ademais das súas contribucións como docente e filósofa a unha defensa da ética profesional e do compromiso social a través do seu exercicio. 

E efectuarase un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan 25 anos de vida colexial.

Este é un acto aberto á sociedade e, polo tanto, se o desexas podes vir acompañado/a da persoa ou das persoas que consideres. A nosa intención é construír unha xornada de encontro no que visibilizar, celebrar e reivindicar a paixón que nos une, que é a psicoloxía. Agardamos contar contigo. 

Se desexas asistir comunícanolo en copgalicia@copgalicia.gal. Para acudir á cea é preciso abonar 40 € por persoa na conta corrente do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (Nº conta: ES64 2080 0316 2330 4000 8164 de Abanca). É imprescindible que envíes ao Colexio a copia do resgardo xunto cos teus datos persoais.

* Se tes algunha intolerancia ou alerxia alimentaria, infórmanos para que poidamos notificalo ao restaurante.