AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O Colexio de Psicoloxía de Galicia denuncia as restricións para o acceso ás becas para alumnado con necesidades educativas específicas

12/9/2018

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa oposición á actual convocatoria de axudas do Ministerio de Educación para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo, xa que debe permitir o seu acceso a a alumnado cos trastornos e déficits que os equipos de orientación e valoración dependentes da Xunta de Galicia así o consideren e non restrinxir o seu acceso a cada convocatoria, como vén pasando desde hai anos. 

Nas bases só se convocan para alumnado que requira por un período da súa escolarización ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta. A vía para demostrar tal circunstancia requírese un certificado de discapacidade ou dun equipo de valoración e orientación dependente da administración educativa correspondente. 

Isto implica a exclusión de nenos e nenas afectados por Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) que non vén derivado dunha discapacidade nin dun trastorno grave de conduta, senón que é un trastorno en si mesmo, grave nalgúns supostos, con entidade propia e independente dos demais. Nalgúns casos, pode xerar trastorno grave de conduta, como un dos seus síntomas, pero nunca á inversa: o TDAH non se produce ou non é unha consecuencia da discapacidade. 

Por iso debe ser incluído nestas becas, posto que é un trastorno que con tratamento psicolóxico e social, como recomenda a Organización Mundial da Saúde, mellora notablemente o rendemento e o comportamento no eido educativo. A exclusión deste tipo de trastorno levará a estes nenos e nenas irremediablemente á persistencia dos seus síntomas e como consecuencia poden sufrir baixa autoestima, frustración e fracaso escolar. 

Ademais, existen múltiples trastornos que sofre o alumnado que non xeran discapacidade nin trastorno grave de conduta (dislexia, dislalia, autismo...) e son esquecidos nas bases. Por iso, desde o COPG reclámase que se engadan e que estes nenos e nenas reciban unha atención especializada e apropiada. O feito de restrinxir cada vez máis os criterios de acceso desvirtúa a que debe ser a finalidade destas bolsas, pois vai contra os principios educativos de inclusión, equidade e igualdade, o apoio educativo a aquel alumnado nos que os servizos públicos poden ser insuficientes (en Galicia só hai un orientador/a para máis de 800 alumnos/as) e onde este tipo de alumnado necesita un apoio máis específico, máis concreto e individualizado. 

Estas axudas son imprescindibles non só para os beneficiarios da axuda, senón para as súas familias e para a sociedade no seu conxunto, pois xa está máis que demostrado que na maioría dos supostos se produce unha melloría significativa na problemática que presentaba o alumnado, incluso danse moitos casos de altas definitivas, é dicir, alumnado que ao facer uso desta axuda xa non precisan renovar para o curso seguinte as becas, por obter a melloría satisfactoria.