AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O Colexio de Psicoloxía de Galicia lamenta a súa ausencia no Plan para a Atención Primaria da Consellería de Sanidade

13/3/2019

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia considera inadmisible o feito de non ter podido participar no deseño do Plan para a Atención Primaria que vén de presentar a Consellería de Sanidade e no que solicitou expresamente colaborar. Trátase dun exemplo máis de como se está a desprezar a atención á saúde mental na rede pública, ignorando as recomendacións da OMS e as cifras de prevalencia de trastornos tan elevadas como a depresión ou a ansiedade na nosa Comunidade. 

Desde decembro, a Consellería de Sanidade, ante a crise desencadeada na Atención Primaria galega, vén traballando nun novo modelo asistencial que dea resposta ás deficiencias do actual. Para iso chamou á mesa de negociación aos representantes dos diferentes colectivos profesionais sanitarios e sociais, sen ter en conta na mesma representantes da saúde mental, e en concreto aos psicólogos/as clínicos/as. 

Unha vez que se tivo coñecemento destas negociacións, desde esta corporación de dereito público que representa a máis de 3.000 psicólogos e psicólogas en Galicia contactouse coa Consellería de Sanidade para solicitar a súa participación e así expoñer a necesidade de atender a saúde mental nos servizos de Atención Primaria, co dobre obxectivo de prestar unha mellor cobertura asistencial e aliviar a sobrecarga que sofren os/as médicos/as nos centros de saúde. Non se obtivo ningún tipo de resposta por parte da Consellería, malia ter presentado o proceso como "participativo e aberto". 

Para o Colexio Oficial de Psicoloxía, isto constitúe unha neglixencia se temos en conta que segundo o Ministerio de Sanidade entre un 18% e un 39 % das consultas atendidas en Atención Primaria están relacionadas con temas de saúde mental. A resposta que se lle está dando a estas persoas usuarias é a farmacolóxica fundamentalmente, o que non responde ao recomendado nas guías de práctica clínica de referencia publicadas polo propio Ministerio de Sanidade ou as guías de manexo clínico internacionais (NICE). 

De feito, os/as psicólogos/as clínicos/as son especialistas nunha ferramenta básica, a psicoterapia, que ademais de ser unha prestación básica da carteira de servizos é a recomendada como instrumento de manexo principal na maioría das patoloxías mentais leves, moderadas e graves, motivos de consulta cada vez mais comúns nas consultas de AP polo aumento progresivo da esperanza de vida da poboación galega, o que vai parello a un maior índice de enfermidades de carácter crónico e/ou vinculadas a factores de estrés psicosociais. 

O modelo sanitario biopsicosocial contempla a perspectiva integral do/a paciente en todos os seus eidos, e non só no biolóxico, e é o modelo de referencia que se recomenda desde a Organización Mundial da Saúde desde o primeiro nivel de asistencia, isto é, a Atención Primaria. Desde este modelo recóllense datos obxectivos sobre como investir no eido da saúde mental, e en concreto desde a perspectiva psicolóxica, aumenta a efectividade do sistema, a súa eficiencia e o grado de satisfacción do paciente co servizo recibido. 

Ademais, a crise actual no sector da Atención Primaria responde a un contexto problemático onde a principal limitación é a falta de recursos humanos (tanto a nivel de saúde mental como a nivel de atención primaria), o que trae como consecuencia a falta de tempo nas consultas, cupos elevados e longas listas de espera que fan inoperantes as actuacións e colapsan os/as profesionais, tanto en Atención Primaria como nas Unidades de Saúde Mental.   

Por todo o exposto, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia rexeitamos o borrador dun novo modelo de Atención Primaria proposto pola Consellería de Sanidade, xa que ademais de considerar que debe contemplar un número de recursos humanos maior tanto no sanitario como no social, ignora por completo a atención da saúde mental das persoas usuarias e non contempla, a atención psicolóxica como prestación básica efectiva e eficiente na Atención Primaria. 

Con respecto a este tema, desde o COPG elaborouse en xuño de 2018 un Documento Marco da Psicoloxía Clínica en Atención Primaria, presentado xa a representantes oficiais da Consellería de Sanidade, que baseado en datos obxectivos e estudos nacionais e internacionais propón unha alternativa de atención a saúde mental con claras repercusión na Atención Primaria que consideramos debe ser tido en conta para futuros proxectos.  

Accede ao documento