AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O Colexio de Psicoloxía e a Federación Galega de Esclerose Múltiple elaborarán unha guía conxunta

19/7/2018

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) asinaron esta mañá na sede do COPG un convenio marco de colaboración coa intención de poñer en marchar medidas e puntos de defensa comúns, así como para a elaboración dunha guía de carácter público sobre a abordaxe da patoloxía da esclerose múltiple.

A decana do COPG, María Rosa Álvarez Prada, e a presidenta da FEGADEM, Rosa María Villar Cordovés, ratificaron este convenio que permitirá fomentar o intercambio de información e apoio técnico no eido da Atención Integral, sobre as necesidades do colectivo das persoas afectadas por esclerose múltiple, as súas familias e/ou referentes, así como por outras enfermidades neurodexenerativas, á vez que promover as alianzas oportunas para o deseño e desenvolvemento de programas e proxectos conxuntos que cumpran cos obxectivos estratéxicos de ambas entidades.

En Galicia, hai arredor de 3.000 pacientes rexistrados con esclerose múltiple, polo que se trata dunha das comunidades autónomas con maior incidencia no conxunto do Estado, e unha adecuada atención psicolóxica é fundamental para proporcionar unha mellor calidade de vida ás persoas afectadas.

Á esquerda a presidenta de FEGADEM, Rosa María Villar Cordovés, e á dereita, a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez Prada.