O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia condena o asasinato dunha muller cometido este sábado en Lugo

10/2/2020

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa máis rotunda condena ao asasinato dunha muller cometido este sábado en Lugo, investigado como un posible caso de violencia de xénero, ao tempo que desexa trasladar a súa solidariedade e as súas condolencias á familia e ás persoas achegadas da vítima.

Desde este Colexio reiteramos o total rexeitamento a calquera tipo de violencia psicolóxica, física ou sexual contra a muller e lembramos que ofrecemos programas de atención psicolóxica especializada en materia de violencia de xénero gratuítos a través de convenios coa Xunta de Galicia. Este tipo de políticas de apoio e de protección integral ás persoas afectadas pola violencia machista son imprescindibles para poñer fin a este grave problema social ao redor do cal non cabe outra actitude máis que a da condena unánime.

 A prevención é o mecanismo real para pór fin á violencia contra as mulleres e así desterrar condutas que permanecen na sociedade e que perpetúan o maltrato á muller. Desde a psicoloxía reclamamos unha maior incidencia nas medidas de carácter preventivo e de intervención psicolóxica, especialmente nas idades máis temperás, para erradicar estereotipos machistas e desigualdades que sustentan a violencia contra a muller. Sen unha aposta decidida pola prevención será inevitable que sigamos lamentando sucesos tan tráxicos como o asasinato cometido en Lugo.