AVISOS

O teu número de colexiación acredítate como profesional diante da sociedade: é o mellor aval para garantir que cumpres coa titulación e cos requisitos legais para exercercomo psicólogo ou psicóloga, sexa cal sexa a túa especialidade ou área de traballo. Faino público nos informes que elabores, no teu espazo de traballo, nas túas comunicacións ...

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten desde o pasado mes de setembro un novo enderezo de correo electrónico copgalicia@copgalicia.gal. Así integrámonos como dominio .gal, co fin de contribuír a crear unha entidade comunitaria tamén na rede. Lembra que realizamos a meirande parte das nosas comunicacións a través do correo electrónico, así que para garantir que non rematen na carpeta de SPAM, engade o noso enderezo aos teus contactos.

No conxunto do Estado español, é un requisito indispensable para o exercicio da profesión da psicoloxía estar incorporado ao Colexio Profesional correspondente. Todos os psicólogos e psicólogas que exerzan no ámbito público ou privado e baixo calquera fórmula de contratación, teñen esta obriga.

Este requisito recóllese no artigo 3.2  da Lei de Colexios Profesionais despois da reforma operada pola Lei 25/2009 (Lei Ómnibus), que mantén as obrigas vixentes.

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia condena o asasinato machista cometido onte no Porriño

19/6/2018

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa máis rotunda condena ao asasinato machista cometido onte luns no Porriño, en Pontevedra, ao tempo que desexa trasladar a súa solidariedade e as súas condolencias á familia e ás persoas achegadas da vítima. 

Desde este Colexio reitérase o total rexeitamento a calquera tipo de violencia psicolóxica, física ou sexual contra a muller. Toda a cidadanía, pero moi especialmente os seus responsables políticos, debe traballar para poñer fin a esta dramática lacra social e, neste sentido, é imprescindible que se apliquen políticas de apoio e de protección integral ás vítimas da violencia machista. 

A prevención é o mecanismo real para pór fin á violencia contra as mulleres e así desterrar condutas que permanecen na sociedade e que perpetúan o maltrato á muller. Desde a psicoloxía reclamamos que se poña o foco nas medidas de carácter preventivo e de intervención psicolóxica, especialmente nas idades máis temperás, para erradicar estereotipos machistas e desigualdades que sustentan a violencia contra a muller. Sen unha aposta decidida pola prevención será inevitable que sigamos lamentando sucesos tan tráxicos como o asasinato cometido no Porriño.