O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia condena o triplo asasinato machista perpetrado en Valga

16/9/2019

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa máis firme condena ao triplo crime machista cometido en Valga (Pontevedra), onde foron asasinadas tres mulleres, ao tempo que desexa trasladar a súa solidariedade e o seu afecto máis sincero á familia e ás persoas achegadas das vítimas. 

Cómpre reiterar o total rexeitamento a calquera tipo de violencia psicolóxica, física ou sexual contra a muller, unha violencia que mostra nestes asasinatos a súa forma máis atroz. Toda a sociedade, pero moi especialmente os seus responsables públicos, debe traballar para poñer fin a esta tráxica lacra social e, neste sentido, é imprescindible que se apliquen políticas de acompañamento e de protección integral ás vítimas da violencia machista. 

Desde a psicoloxía reclamamos que se poña o foco nas medidas de carácter preventivo e de intervención psicolóxica: a prevención é o mecanismo real para pór fin á violencia contra as mulleres e así desterrar condutas patriarcais que permanecen na sociedade e que perpetúan o maltrato á muller. Sen unha aposta decidida pola prevención será inevitable que sigamos lamentando sucesos tan tráxicos como o asasinato cometido en Valga.­­