O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia considera un desatino o bono de 250 euros da Xunta de Galicia para profesionais sanitarios

23/6/2020

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia considera unha medida desatinada e de cariz electoralista a anunciada desde a Xunta de Galicia de gratificar a 20.000 profesionais da sanidade, das residencias, dos centros de maiores e de atención á discapacidade cun bono de 250 euros.

Resulta indignante tentar compensar cun cheque o labor que realizaron e continúan realizando os/as traballadores/as da sanidade pública e dos servizos sociosanitarios, entre eles os psicólogos e psicólogas, na emerxencia da COVID-19, cumprindo coa súa obriga en circunstancias moi precarias e mesmo arriscando a súa propia saúde e a dos seus. A defensa da sanidade pública pasa polo compromiso co seu persoal, con contratos estables, con prazas suficientes e recursos que lles permita desenvolver o seu labor con garantías.

Desde logo que son necesarias medidas económicas que reactiven a hostalería e o turismo na nosa Comunidade, pero ideas como este bono resultan frívolas e mesmo humillantes para os/as profesionais da saúde e de centros de maiores ou persoas con discapacidade.