O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia crea un “Espazo de Autocoidado” para axudar a preservar a saúde emocional da comunidade

27/1/2021

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia vén de crear na rede un “Espazo de Autocoidado”, co obxecto de contribuír a preservar a saúde emocional da comunidade, proporcionando ferramentas e recursos para este fin, dispoñibles na web http://autocoidado.copgalicia.gal

Esta iniciativa parte da identificación da necesidade de visibilizar e atender a conciencia do autocoidado no contexto da pandemia pola COVID—19, como elemento imprescindible no benestar das persoas e tamén da comunidade. O autocoidado ten que ver co modo en que nos coidamos e nos tratamos, supón facernos responsables e comprometernos co noso propio benestar, escoitando e tomando conciencia de “como estou” e “que preciso”. Coidarse é “ternos en conta desde a amabilidade e o aprecio, e atendernos física, emocional, social e espiritualmente para lograr unha maior satisfacción”, segundo explican desde o Grupo de Traballo de Autocoidado do COPG, que lidera esta actividade. 

Esta acción desenvólvese a través dun espazo de coidado na web, http://autocoidado.copgalicia.gal, no que se irán presentando accións e recursos encamiñados a mellorar o coidado propio. Unha destas iniciativas será un programa de oito sesións de mindfulness aberto para a cidadanía.

O autocoidado permite unha mellor regulación emocional e permite ser máis resistente ás dificultades da vida cotiá. Tamén favorece sentimentos estima, confianza ou seguridade, e permite experimentar maior enerxía e optimismo, así como unha maior concentración, polo que mellora o rendemento e a produtividade, entre outros beneficios. 

A atención ao autocoidado é moi importante neste momento, xa que como comunidade estamos vivindo un verdadeiro desafío, dado que convivir  cunha situación nova que supón un risco para a nosa saúde física implica un alto nivel de estrés. Por iso o coidado propio e o coidado mutuo son dúas perspectivas que cómpre integrar para preservar a nosa saúde.