O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lembra a responsabilidade dos medios de comunicación á hora do tratamento informativo da violencia machista

17/9/2019

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia realizamos un chamamento á responsabilidade e ás boas prácticas dos medios de comunicación, a raíz da cobertura informativa do crime machista perpetrado onte en Valga. Se ben é comprensible o interese informativo, nunca deben superarse os principios da deontoloxía profesional do xornalismo, xa que se trata dun asunto moi sensible que provoca un sufrimento inmenso nas súas persoas achegadas, que se atopan nunha situación de extrema vulnerabilidade.

O COPG atópase a intervir desde onte no lugar cun equipo de profesionais que forman parte do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) e do Programa de Atención Psicolóxica a Vítimas de Violencia de Xénero, ambos os dous servizos conveniados coa Xunta de Galicia. Lembramos que é imprescindible o respecto ás indicacións proporcionadas polos servizos de emerxencias, así como que non se debe recoller imaxes nin declaracións que atenten contra a intimidade ou a dignidade das vítimas nin das persoas afectadas, xa que engaden dor a unha situación que xa de por si é extremadamente dolorosa.

Xunto co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, elaboramos un conxunto de recomendacións para o tratamento informativo de temas nos que está presente o sufrimento humano, InformaDOR, co que se pretendía expoñer boas prácticas para manter o equilibrio entre o dereito á información e o respecto á dor das vítimas. Apelamos, pois, a estas boas prácticas e ao cumprimento máis escrupuloso do bo xornalismo na procura de non engadir máis sufrimento.