O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclama garantir a accesibilidade á atención psicolóxica para atender a postemerxencia da COVID-19

17/6/2020

O COPG pon o foco nos centros de saúde, nos centros educativos e nos Servizos Sociais comunitarios. 

O Colexio de Psicoloxía presentou un documento á Administración galega no que recolle un resumo do impacto psicolóxico da emerxencia sanitaria pola COVID-19 nos ámbitos da saúde, a educación, a política social, as organizacións, o xurídico, a mobilidade e o deporte.

En cada ámbito realízanse unha serie de propostas e recomendacións para atender a saúde mental e o benestar psicolóxico das persoas e das comunidades.

A atención psicolóxica na Atención Primaria, nos centros educativos e nos servizos sociais é imprescindible para poder garantir a accesibilidade por parte da poboación.

 O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) trasladoulle ao goberno galego un documento que recolle unha análise do impacto psicolóxico da pandemia da COVID-19 na poboación galega, así como un conxunto de propostas e recomendacións para garantir a accesibilidade á atención psicolóxica a través dos distintos servizos públicos.

O COPG pretende deste xeito realizar unha contribución nos ámbitos da saúde, da educación, das políticas sociais, das organizacións, da xustiza, da mobilidade e do deporte, co obxectivo de que se contemple o enfoque imprescindible que a psicoloxía ten na emerxencia máis importante do século XXI a nivel mundial, e evitar un maior sufrimento á cidadanía.

Entre as medidas propostas, sinálase a necesidade de descentralizar e achegar a asistencia psicolóxica ás persoas, instaurando a figura do psicólogo ou psicóloga clínica nos centros de Atención Primaria, o que permitiría un acceso máis rápido a este servizo e diminuiría a sobrecarga de traballo nas Unidades de Saúde Mental, especialmente nas persoas que se viron máis afectadas pola pandemia (persoas maiores, nenos, nenas e adolescentes, vítimas de violencia de xénero, vítimas de abusos, profesionais expostos/as, superviventes á COVID-19...). Cómpre así mesmo reforzar os cadros de psicólogos e psicólogas clínicas en Saúde Mental no SERGAS, para poder dar cobertura ás persoas que xa eran usuarias con anterioridade e que viron as súas consultas adiadas por mor das restricións que impuxo o confinamento.

Un dos colectivos máis afectados foi o da infancia e adolescencia, polo que urxe o deseño de protocolos específicos para atender as súas necesidades psicolóxicas e emocionais derivadas da pandemia. Lamentablemente, os centros de ensino non contan con psicólogas nin psicólogos educativos, senón que nalgúns deles o orientador ou orientadora pode contar coa titulación, se ben as funcións profesionais son distintas. É imprescindible que os equipos de orientación dos centros educativos de Primaria e Secundaria conten con profesionais da psicoloxía  educativa  para  que  poida  intervir  e  atender  as  necesidade  emocionais  e psicolóxicas dos rapaces e rapazas ao seu regreso ás aulas, que poida axudar o alumnado a integrar a vivencia desta pandemia á súa historia vital dun modo saudable que estimule a resiliencia e non comprometa a súa saúde mental.

No ámbito dos servizos sociais, é esencial que se implanten programas de intervención social a través dos psicólogos e psicólogas do eido comunitario que atendan as novas situacións de vulnerabilidade xurdida da emerxencia (persoas maiores, desemprego, discapacidade, inmigración, xénero etc.), e que ademais fomenten a cohesión dentro da comunidade e a resiliencia como habilidade para afrontar a adversidade vivida. Os Centros de Información á Muller (CIMs) dos concellos cobran un papel máis relevante dado que esta pandemia tivo un efecto notable sobre as mulleres afectadas pola violencia de xénero a raíz do confinamento e que tamén supón un aumento das situacións de vulnerabilidade polas graves consecuencias socioeconómicas da pandemia.

A perda de seres queridos, o paso por unha enfermidade tan grave como é o coronavirus, o illamento, a perda de emprego efectiva ou posible, a precarización e redución dos ingresos, as restricións á mobilidade, o teletraballo, a exposición do persoal sanitario e das demais profesionais esenciais, as dificultades de conciliación, o medo ao contaxio, a incerteza, o medo... Todos estes son elementos estresores que dunha maneira ou outra, en maior ou menor medida, afectaron a toda a poboación, practicamente sen excepción.

As persoas que demostraron maior vulnerabilidade no contexto da emerxencia sanitaria e que precisan dunha especial atención na postemerxencia son aquelas que contaban cunha psicopatoloxía previa; con problemas de adiccións; persoas que se contaxiaron elas mesmas ou os seus familiares e que viviron con altos niveis de ansiedade tanto a enfermidade como despois polo rexeitamento social; familiares de falecidos/as que viviron a morte dunha maneira moi tráxica polas restricións do confinamento; persoas maiores, tanto usuarias de residencias como aquelas que se atoparon soas, sen apoios e con medo ao contaxio; persoal sanitario, que se viu desbordado; outros/as profesionais, cunha maior exposición e presión social; e mulleres e menores que sofren algún tipo de maltrato dentro do fogar.

Non se pretende facer unha previsión alarmista nin catastrofista, falando de futuras pandemias psicolóxicas. Só que é responsabilidade de quen administra os servizos públicos deseñar e executar políticas que protexan os seus administrados e administradas, que non engadan sufrimento ao xa acontecido, e que actúen con xustiza social para reparar os danos e evitar outros maiores. Moitas persoas que anteriormente superaban as adversidades cotiás sen maior dificultade, atópanse suxeitas agora a novos estresores xerados pola pandemia que poden limitar  os  seus  propios  recursos  e  capacidades  persoais,  e  conducilas  a  experimentar ansiedade ou angustia que acaben conducindo a un problema de saúde mental. E desde logo, se xa había algunha condición previa, o risco é moi superior. 

Para o Colexio Oficial de Psicoloxía, a dimensión psicolóxica que tivo tanto a etapa de maior dureza da emerxencia sanitaria como a presente “nova normalidade” é innegable, se ben nun primeiro momento tivo que quedar supeditado ao interese superior que obrigaba a necesidade de contención do coronavirus. Pero o risco de contaxio permanecerá ata atopar, cando menos, unha vacina para ela, e polo tanto, cómpre abordar unha modificación das condutas e dos hábitos das persoas, polo que na postemerxencia, a ciencia psicolóxica cobra un papel imprescindible na planificación das Administracións. Un enfoque que permita realizar un labor preventivo, de sensibilización e de concienciación para integrar os cambios condutuais e de hábitos, e sobre todo, mantelos no tempo.

 Este 13 de maio, a Organización Mundial da Saúde fixo un chamamento a “aumentar substancialmente os investimentos para evitar unha crise de saúde mental”, na presentación do Informe de políticas sobre a COVID-19 en materia de saúde mental, mentres que chamaba a empregar esta oportunidade para compensar a clamorosa falta de investimento nos servizos de saúde mental, e así garantir que todas as persoas poidan acceder ao apoio psicolóxico. Como colexio  profesional  preséntase,  pois,  unha  achega  propositiva  do  que  a  psicoloxía,  como ciencia imprescindible para a saúde e o benestar das persoas, pode contribuír nun intre tan determinante como este.

Achegas da psicoloxía á postemerxencia pola COVID-19 (accede ao pdf)