O Consello da Xunta de Galicia aproba o proxecto de Decreto polo que se aproban os Estatutos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

5/3/2021

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o 4 de marzo o proxecto de decreto polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que foi creado polo Decreto 120/2000, do 19 de maio, e figura inscrito no Rexistro de Colexios Oficiais e Consellos de Colexios Profesionais da Xunta de Galicia. Na actualidade o colexio conta con 3205 colexiados.

O obxecto deste decreto é a aprobación duns estatutos adaptados a nova lexislación, concretamente á Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de maio de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, que introducen importantes cambios na regulación dos colexios profesionais (Lei ómnibus galega).

Por tratarse dun Colexio de ámbito autonómico, correspóndelle a aprobación dos estatutos e as súas modificacións á Xunta de Galicia, mediante Decreto (artigo 18 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia). Os vixentes estatutos foron aprobados por Decreto 114/2008, do 22 de maio (DOG núm. 110, do 9 de xuño).

De conformidade co establecido na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, incorporanse diversas modificacións como a inclusión entre os fins do colexio a protección dos intereses dos consumidores e usuarios, a regulación do exercicio profesional en forma societaria de conformidade coa normativa de sociedades profesionais e rexistro de sociedades profesionais, a regulación da colexiación nos termos establecidos na normativa vixente, o sometemento dos colexiados á lexislación sobre defensa da competencia, competencia desleal e publicidade, ademais de novos servizos de información accesibles aos colexiados e cidadáns, a través da páxina web do colexio.