O suicidio, que causa a morte dunha persoa cada día en Galicia, centra a nova Edición de “Tempo da Psicoloxía”

1/2/2024

Entre os próximos 19 e 22 do mes de febreiro levarase a cabo a sexta edición de Tempo da Psicoloxía, que nesta ocasión tratará o grave problema de saúde pública do suicidio a través de tres palestras e unha conferencia. Desde 2019, Tempo da Psicoloxía ofrece ao longo dunha semana un espazo para a reflexión e o debate desde a psicoloxía xunto con distintos axentes sociais que promoven o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela

Cada día, de media, unha persoa morre por suicidio en Galicia, que é a expresión máis grave da desesperanza nas persoas, polo que se escolleu tratar esta problemática desde distintos enfoques como a intervención, o apoio e a atención na infancia e adolescencia. Con 340 persoas falecidas por suicidio en 2022, Galicia ostenta a segundo lugar entre o conxunto das Autonomías con maior taxa de morte suicida, a seguir de Asturias, Ademais, as condutas autolíticas son a primeira causa de morte entre a mocidade de 20 a 25 anos. A comunidade científica, entre ela a Organización Mundial da Saúde, apuntan a que o suicidio pode previrse, e tense fixado o horizonte do 2030 para reducir un terzo o número de falecementos por esta causa no mundo, se ben na nosa Comunidade permanece estable arredor desta cifra desde que temos rexistro.

Estas xornadas están abertas a todo o público, son gratuítas e poden seguirse tanto de maneira presencial coma online. No caso da primeira opción, realizaranse na propia Facultade de Psicoloxía, o acceso é libre e non se necesita inscrición previa. Para poder seguilas por vía online, é preciso inscribirse no formulario que aparece na páxina web https://tempodapsicoloxia.gal/. Todas as palestras comezarán ás 18h e terán unha duración prevista dunha hora e media.

O luns, 19 de febreiro terá lugar a primeira das palestras “Previr e intervir: o papel do sistema de saúde”,na que participarán José Eduardo Rodríguez Otero, psicólogo clínico da Unidade de prevención do suicidio da Área Sanitaria de Vigo; Flora Miranda Pena, médica de familia do SERGAS e Alejandro A. García Caballero, psiquiatra e coordinador de programas de prevención e promoción da saúde mental do SERGAS.

O martes 20, a temática central será “O ámbito comunitario, a base da prevención e apoio” contando coa colaboración de Daniel J. López Vega. Psicólogo, presidente de Papageno, asociación de profesionales en prevención y posvención del suicido; Olalla Villaronga Seoane, psicóloga social; responsable da campaña de prevención do sucidio «Falamos?» de Andaina Pro Saúde Mental e María de Quesada, xornalista; presidenta da Asociación «La niña amarilla» (sobre prevención do suicidio desde o ámbito da comunicación) e autora do libro do mesmo título.

O mércores 21, o enfoque estará posto na “Atención á infancia e a adolescencia no contexto educativo”, ao cargo de Carlos Álvarez García, psicólogo clínico e formador do programa YAM nos centros educativos galegos; Marta Andrade Blanco, responsable de sensibilización e políticas de infancia de UNICEF Galicia e Manuela del Palacio García, psicóloga educativa e orientadora no IES San Tomé de Vigo.

E xa por último, o xoves 22, celebrarase a xornada de clausura da man cunha conferencia exclusiva para a comunidade académica de Luis Fernando López Martínez, psicólogo xeral sanitario, codirector de ISNISS do Programa de Doutoramento de Psicoloxía da Saúde da UNED e investigador de condutas autolesivas e suicidas en contornos dixitais.

 Máis información: www.tempodapsicoloxia.gal